luns, 31 de xaneiro de 2022

Lembranzas

 Era fermosa... Si, era moi fermosa
a Noiteboa cando o pai vivía
e, despois de rezar un longo rosario,
ceaba en paz toda a familia.
Era fermosa a ilusión con que os nenos
agardábamos a vinda dos Reis Magos.
Era fermosa a primavera e os niños
de ouriol eran fermosos. O campo
da Santa Isabel, dende abril ao outono,
era fermoso. E o día da festa era
a data máis feliz de todo o ano.
Era fermosa a Carballeira, o son
das campanas nas mañás, o río
e o centeo, en maio, a flolear.
Todo o pobo era fermosísimo.
Era boa e fermosa aquela vida.
Pero ti, ai doce amiga miña,
¡non estabas aínda perto de min!

Remol (1970)