Amosando publicacións coa etiqueta Outeiro de Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Outeiro de Rei. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de decembro de 2019

Amizade de sons


O Cepelo, TeiS, decembro 2019
O Cepelo é o de sempre: rozas, curros, prados. O regato divide as parroquias de Outeiro de Rei e Robra. O silencio é amigo e fondo. Pódese ollar a transparencia do aire. Escoítase a voz dos paxaros inverníos: corvos, aves frías e pegas. Os seus berros -que non cantos- firen a tarde que semella desangrarse na luz deste sol esvaecido. Sería maravilloso poder quedar eiquí horas e horas, escoitando o rumor do regueiro, contemprando as árbres, fundíndose na limpeza do aire e sobresaltándose cos berros dos corvos e co grá-grá das pegas. Fainos falla máis contacto coa natureza e unha meirande familiaridade co silencio -nós que somos tan faladores- pois xa cáseque non nos coñece. Nin nós a él.

Anaco de "Viaxe sentimental a Outeiro de Rei", 
recollido en Andando a Terra, 1990, A Nosa Terrra


sábado, 15 de decembro de 2018

Cultivar soños melancólicos

No Club de Lectura da Casa-Museo de Manuel María, hoxe unha das lectoras recitou, entre outros versos do autor de Outeiro, este poema que serviu de peche á sesión na que comentamos Ardalén, de Miguelanxo Prado. Se tivestes o pracer de ler esa novela gráfica, decatarédesvos do ben que encaixan estas verbas coa historia que conta. Se non o lestes, non esperedes máis para facelo!

Pastoral

Non hai ningún oficio tan fermoso
como o de pastorear as palabras,
abrir o sentimento cara
a flor dos días máis felices
que recenden a liño fresco,
a mazá reineta e a nostalxia.
Uso os meus outonos, mentres
vou pouco a pouco envellecendo,
en cultivar soños melancólicos,
revivir paisaxes coñecidas
e alumarme por dentro: iluminarme 
co resplandor da luz que máis amei.
            
A luz resucitada (1984)

luns, 1 de febreiro de 2016

O mestre de versos

Manuel María lembrou sempre ao home que lle ensinou a compoñer versos, Manuel de Paderna, quen traballaba na casa familiar do poeta chairego. Hoxe na Casa Museo en Outeiro de Rei hai un retrato do home que lle achegou a cultura popular a aquel rapaz inquedo que sería unha das grandes voces poéticas galegas do século XX. Manuel fíxoo presente en composicións tan fermosas como esta:

Pranto por Manuel de Paderna

Manuel de Paderna, mestre,
poeta do noso pobo,
¡castiñeiro ben frondoso
e carballo sen renovo!

Outeiro quedou moi pobre,
a xente murcha e tristeira,
¡que lle falta o seu cantor,
a súa voz máis verdadeira!

¿A onde fuxiu a beleza
e a gracia da poesía...?
¡Andamos orfos de versos
e faltos de fantasía!

Xa non temos a ninguén
que improvise unha canción,
que nos achegue ao sentimento
e nos abale a emoción.

Manuel de Paderna, amigo,
nobre cantor popular:
¡o vento chairego garda
a paixón do teu cantar!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

domingo, 13 de setembro de 2015

Tempo de romaxes

A Romaxe de Crentes Galegos tivo lugar onte en dous espazos máxicos de Outeiro de Rei: Penas de Rodas, na parroquia de Gaioso foi o primeiro; ao segundo deles, o campo da Santa Isabel e a súa ermida -pola que tanto se devanou o poeta cando estaba en ruínas-, vai adicado o poema ao que pertencen estes versos:

A ermida de Santa Isabel de Outeiro de Rei

Ti, ermida de Santa Isabel, tan sinxela,
calada, solitaria e humilde, erguida
na confluencia do Ladra coa do Miño
no meu Outeiro de Rei da Terra Chá:
cristianizas un lugar privilexiado
onde os nosos devanceiros veneraban
o misterio do mundo, o saberse pequenos
e impotente, anque neles ardían
inconmensurabéis desexos de infinito.
Neste lugar sagrado daban culto
aos antergos e humanísimos deuses
das augas, dos bosques e dos ventos.
Os ritos continuaron no tempo.
A nosa xente, xeración tras xeración,
baixo o ardente sol do mes de xulio,
acudía á ermida e imploraba piadosa
farturentas anadas de centeo e de trigo
e que a vida seguira o seu camiño.
O Ladra mostrábase entón máis cantador
e as augas do Miño transportaban
pregos, músicas, tristezas, alegrías
que se facína río, auga lustral
purificadora de mágoas e miserias [...]

O Miño, canle de luz e néboa (1996)

mércores, 2 de setembro de 2015

Ser terra ao fin

Outra declaración de amor do poeta de Outeiro de Rei ao seu lugar de orixe, recollido na entradiña do texto "A espingarda do Vagancias", recentemente publicado pola Fundación Manuel María, aínda que formaba parte do poemario que o autor adicara a súa localidade natal (Ritual para unha tribo capital de concello):

Ámote, Outeiro, como non amei
terra ningunha. a luz que
escintila nos meus ollos
de lonxe vén e ti ma deches.
Devolvereicha un día para que
poidas alumar, co seu breve
fulgor amortecido, a túa
gris lembranza agoniante.
Quedarei inmóbil, cego e nu.
Vento serei entón: bágoa, laio
e levísimo rumor atristurado.

A tribo ten catro ríos (2015)

domingo, 12 de xullo de 2015

A tribu

E, claro, a tribu. Como non, sempre latexando nos seus poemas, as persoas coas que partillaba unha orixe espacial específica, pero tamén unha relación de amizade e de compañeirismo -a tribu, como dicía el.
Esa comunidade que onte lle rendiu homenaxe na súa terra, na 2º Convívio da Cultura Galega, que tivo lugar, como non, na Carballeira da Santa Isabel en Outeiro de Rei.

Poema de Outeiro de Rei

Cismo -teimudo- na miña propia tribo
no meu                   OUTEIRO DE REI
que levo empadroado nas nostalxia

     - a terra fáiseme                música
     lonxana señardosa delicada

os homes son ledicia e primavera
voz               de           cotovía
na impeza impecable da mañá

    - as mozas conservan sen murchar
    toda a súa beleza prodixiosa
    e a xeometría perfecta da camelia

a miseria da vida é esta dor
(olládea ben        e       compartídea)
que me murcha as flores e as sorrisas

     - o Miño non ten pasado nin futuro
     leva           todo            arquivado
     na súa lembranza nidia e rumorosa

e eu son esa folla pequeniña
...: que caeu – silandeira - nun remanso

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)