Amosando publicacións coa etiqueta 1985. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1985. Amosar todas as publicacións

domingo, 31 de xullo de 2016

Sol e area

O deserto do Sáhara

O Sáhara é unha terra sen misterios,
amarela soedá de sol e area:
¿quen dixo que o Sol é a ledicia?
Nos oasis agroma o berro inútil
das palmeiras, orfas e vencidas
diante tanta impotencia e desespero.
Ninguén, mellor que os beduínos, sabe
o amiga que pode ser a nosa sombra.
As choivas de area asubían feroces
como enormes serpes monstruosas.
Neste ermo de area requeimada
unha vea de agua é flor exótica
recendendo frescura e fermosura.
Aquí, no deserto, un nunca sabe
se aquela figuración que vai ou vén
é duna, vento, caravana
ou un vermello espellismo alucinado.
Quen escribe estes versos,
tan amigo da choiva e do orballo,
ten soñado e maxinado o Sáhara
-e sentido a súa sede nos seus soños-
como unha terra que nunca tripará.

O camiño é unha nostalxia (1985)

sábado, 23 de xullo de 2016

Os outeiros agarimados polo poeta

                 Hasparren
(Baixos Pirineos. País Vasco-francés)

Demoradas lecturas e ensoñaciós amadas
un día leváronme a Hasparren,
na compaña de Saleta e máis do Lois.
O pobo é pequeno, branco e verde.
Perfílanse, ao lonxe, os Pireneos
dunha cor entre azul e esmeralda.
Hasparren non é Francia:
os Baixos Pirineos son patria euskera,
óllase na xente, nas casas, na paisaxe.
Nun cantiño do pequeno cemiterio,
que ten algo de horto e de xardín,
dorme en paz da terra Francis Jammes.
Derriba da súa lápida deixamos,
con fonda tenrura emocionada,
as rosas da nosa admiración
e os caraveis do noso sentimento.
Nesta bisbarra, euskera e montañosa,
viven os soños do poeta. Sabémolo
porque son máis redondos os outeiros,
que el os luíu coa súa bondade
e agarimounos coa luz da súa mirada.
E o vento lembra sempre, sempre,
como se foran as cordas dunha lira,
as súas nevadas barbas patriarcais.

O camiño é unha nostalxia (1985)

martes, 21 de xuño de 2016

Lisboa, a cidade

Lisboa non é unha cidade: é a cidade,
lugar para empadroar a fantasía,
lar no que un estivo dende sempre,
lembranza do pasado e do futuro,
capital da nostalxia.
As nosas paixós, carraxes e degaros,
teimas, anceios e visiós acóllense
ás formas femininas dos outeiros
e habitan as prazas e as rectas
da clara xeometría pombaliana
ou as rúas retortas como a vida
nas que procuramos certo amparo
fronte á incerteza absurda do destino.
Ouh sagro Texo: irrepetíbel espello
para reflexar, luír e arquivar
ensoñaciós tan íntimas e ousadas
que endexamais contamos a ninguén.
¿Qué amor paciente e incontíbel,
que prodixiosa luz,
qué alta e pura marabilla
puido crear tal orde, esta beleza,
un humano espacio terreal
no que non cabe mellora ou perfección?
En Lisboa sentimos -só en Lisboa-
latexar o noso corazón acompasado
co ser popular e eterno da cidade:
unha fonda tenrura compañeira
que convivirá con un xa toda a vida.

O camiño é unha nostalxia (1985)

luns, 20 de xuño de 2016

Camiños de amizade

Manuel María, grande viaxeiro, percorreu tamén as terras de Euskal Herria, como di neste poema, talvez composto despois dalgunha das súas viaxes con parada na casa de Xosé Estévez...

Euskadi

Andiven desde Irún a Somorrostro
e de Uztarrotz a Bergüenda.
Pasei por Gasteiz e por Donostia.
Crucei o Gran Bilbao ou Gran Babel
coa lembranza viva como brasa
dunha máxica verba inextinguíbel
de Gabriel Aresti Segurola,
voz baril e clara e neboenta,
patria euskera
difícil, rexa, combatida.
O rumor do mar tiña
unha música fosca, poderosa
como a mensaxe dun antergo deus.
A luz tenra dos vales,
sufrindo un ceo gris-tristura,
escoaba
a labarada das cores da ikurriña,
símbolo dun pobo
que non poderá
ser destruído endexamais.

O camiño é unha nostalxia (1985)

martes, 7 de xuño de 2016

Soños fuxidíos

Os meus febles soños melancólicos
sempre me foxen para Bretaña.
E cando voltan
traen gusto a codeso,
saramago, xesta e hidromel.
Ás veces sangran
polas feridas que lles fan
as duras espiñas das silveiras.
En ocasiós demoran moito
contemplando dolmens,
estraños petroglifos,
cruceiros e calvarios populares
ou entretéñense querendo descifrar
a forte cadencia melodiosa
do idioma bretón que ten
música de vento e cantería.
De raro en raro os soños meus
quedan pendurados nas ponlas
das abidueiras e salgueiros
en figura de néboa esfarrapada
para ollar correr os ríos
e deixarse adormecer
ao seu murmurio de gaita familiar.
Teño que ir a Rennes novamente
e escoitar o mar en Saint Maló.

O camiño é unha nostalxia (1985)


martes, 17 de maio de 2016

Sei dun país

Sei dun país que existe e non existe:
é unha patria terreal e humana
que envellece comigo día a día.
Teño na lembranza o seu recendo
a terra húmida, rosas e loureiro.
Habito as súas cidades exemplares
feitas de amor, dor e pedra grá
con árbores e rúas silandeiras
que van desembocar a prazas íntimas
de nomes de estrela ou andoriña.
Nos meus ollos levo as súas paisaxes,
a máxica xeometría das súas casas,
o seu ceo limpo, azul‐grisento,
sucado de leves nubes camiñantes,
de brétemas vagas como anceios
e luceiros que queiman como brasas.
Nos meus ouvidos gardo o son sutil
do vento cantando nos carballos,
o musical murmurio dos seus ríos,
o berro escuro e forte dos seus mares
e os versos que din as arboredas.
Esta patria existe. Eu vivo nela.
Non ten odios, rancores nin envexas.
Nunca souben, nin sei, o nome seu.
Mais cando desexo nomear a este país
os meus beizos énchense de luz
e, dende o fondo do ser, digo: SALETA.

O camiño é unha nostalxia (1985)  

luns, 25 de abril de 2016

Primavera de caraveis

Portugal

Gardo as miñas lembranzas portuguesas
ao lado dos desexos,
dos soños, do amor,
de todo o que me é íntimo e querido.
A sacra Brácara é a capital
dos meus imprecisos matinares
onde a vide báquica
abraza, cingue e sube ao olmo
como cantan
os inesquecíbeis versos de Virxilio.
Portugal ten as cores
da melancolía e da esperanza
e florece en outonos perfectísimos.
Os días portugueses quedaron en min
inconmovíbeis, cunha dourada luz
que ilumina, maina, os meus desvelos,
un mundo de primaveras e nostalxias,
pombas, roseiras, andoriñas
e caraveis roxos que rebentan
nunha fonda paixón alucinada.
Sempre. Sempre volto. Sempre.
E nunca máis me vou de Portugal.

O camiño é unha nostalxia (1985)



luns, 2 de novembro de 2015

Barcelona en breve tempo

Como infatigable viaxeiro, Manuel María percorreu numerosas terras ás que lles adicou poemas, como este:

Catalunya

Soñei con Catalunya longamente,
vivina con amor un breve tempo.
¡Romano alciprés de Tarragona!
¡Labregos de Lleida!
Girona, redonda e misteriosa,
escoitando ao Ter para apropiarse
do seu acento puro, que naceu
na grave soedá dos Pirineos.
Ramblas de Barcelona,
delicada Primavera do mundo,
onde se misturan e confunden,
nun orde latino e catalán,
recendos a mar e a laranxeiro,
cheos de claridade
e dunha vaga nostalxia indefiníbel.

O camiño é unha nostalxia (1985)

venres, 25 de setembro de 2015

Sempre ao norte

O Norte

¿Cómo será o Norte de brétemas escuras,
mestas e pechadas como a noite,
onde o vento feroz e poderoso
-do que deprende o lobo os seus oulidos-
asusta boscos de abetos e piñeiros
e as leves e xentís abidueiras,
miñas donas amadas,
de carne de neve e máis de lúa?
¿Cómo serán ou non serán
os fiordos de Noruega
e as lonxanas rúas de Kiruna?
¿Qué foi dos viquingos
e qué brisa ousa repetir
as arrepiantes navegaciós de San Olafo?
¿Qué morte consome sen remedio
ao anémico sol da meianoite?
¿Cómo bradarán os renos
e cómo ecoarán nas fragas
os seus urxentes laios amorosos?
Maxino o Norte
como un inmenso corazón de xelo
que soio se atreve a latexar
cando en abril sorrí a Primavera.

O camiño é unha nostalxia (1985)