Amosando publicacións coa etiqueta Escolma de poetas de Outeiro de rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Escolma de poetas de Outeiro de rei. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de marzo de 2019

Señardosa cantiga da medorra grande


A gran medorra alí está, na soedade do monte,
amarrada ó pasado, vivindo o tempo de onte.
- Eu señardosa.
A gran medorra estaba ollando ó monte raso,
as luces dos solpores, os ouros do ocaso.
- Eu señardosa.
A gran medorra está, femenina e redonda,
cunha lembranza viva e unha tristura fonda.
- Eu señardosa.
A gran medorra estaba no seu soño febril
polo torques labrado, polo celta varil.
- Eu señardosa.
A gran medorra está, coas medorras cativas,
no silencio do monte, homildosas e altivas.
-Eu señardosa.
A gran medorra estaba, na gándara de Outeiro,
plantada de piñeiros, cuberta cun silveiro.
- Eu señardosa.

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982), Manuel María

mércores, 19 de setembro de 2018

Novas lúas de outono

A 10ª edición das Lúas de Outono puxo na voz de Susana Seivane un par de textos da Escolma de poetas de Outeiro de Rei, un deles é este que Manuel María atribúe á voz de Gabriela Maira Roibás:
- O soño meu no Outono
cecais se me durmirá.
Dime ti, meu doce dono,
se o meu soño soñará.

- O meu soño soñador,
dime, ¿qué soño soñou?
- Soñou un soño de amor.
Soñou que te namorou.

- Tiven un soño, amigo.
Un soño de namorar.
¡E como soñei contigo
nunca quixera espertar!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)


domingo, 1 de xaneiro de 2017

Amigo para a eternidade

              III

Amigo Manuel María,
escoita ao vello Paderna:
¡o verso que non se sinte
é un carballo sen cerna!

               IV

Nós somos como árbores
que están sobor da terra.
¡Vén o vento da morte
e a todos nos dobrega!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1980)


luns, 14 de novembro de 2016

Disconformidade

            V
Xa me doe o testo
e máis a testa
de contemplar,
aturar
e escoitar
a tanto besto
e a tanta besta.
Estou contra o texto,
o contesto
e o pretexto.
Estou contra o en, o in, o an,
contra a falta de pan
e máis de viño,
contra o que sigue
e persigue
tan soio o seu camiño.
Contra o claro, o escuro,
o verde e o maduro.
¡Estou que non aturo!
E, mentras fumo o meu puro,
como son home honesto,
escoitádeme esto:
“¡protesto!
                 ¡¡Protesto!!
                                   ¡¡¡PROTESTO!!!”

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

luns, 3 de outubro de 2016

Augas do Ladra

As augas do Ladra, que baixan cantoras,
non poden, amiga, contra miñas horas.
          Eu en Outeiro a penar.

As augas do Ladra, que baixan caudales,
non poden, amiga, levar os meus males.
         Eu en Outeiro a penar.

As augas do Ladra, que no Miño morren,
¡xa non me escoitan e non me socorren!
         Eu en Outeiro a penar.

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)


mércores, 27 de xullo de 2016

Soneto ao río Miño

Ouh claro río Miño espello máxico
delicada canción granada espiga
alta e sutil ave canora
case tan real como un ensoño

o teu paso lento e ben medido
dende Mirapeixe a Tras da Santa
resoa nas carballeiras e nas agras
con necesario son de verso antigo

esa voz tan fonda irrepetíbel
-¿onde os caneiros e os muíños?-
aluma e clarifica a soedade

es xa raíz e nube xuntamente
parroquia dos peixes e os paxaros
e fundamento carnal do noso sangue

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)


luns, 4 de xullo de 2016

A festa

A Santa Isabel, miña amiga, irei.
A Santa Isabel de Outeiro de Rei.
      Está meu camiño
      xunto ao río Miño.

Como un caravel de certo color
a Santa Isabel irá o meu amor.
     Está meu camiño
     xunto ao río Miño.

As verba de dor voltáranse mel
na alta alegría da Santa Isabel.
    Está meu camiño
    xunto ao río Miño.

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

martes, 14 de xuño de 2016

O regato que non quixo emigrar

Meu regato do Cepelo,
fillo do Trollo da Agüela,
¡faste mociño nas Regas
e vas morrer á Barciela!
Meu regato do Cepelo,
tan soedoso e esguío,
¡feble como un salouco,
fraco como un asubío!
Meu regato do Cepelo
xogoral e cantador,
¡amigo da cotovía
e curmao do reiseñor!
Meu regato do Cepelo
ti tiveche dous roulós,
¡dous muíños muiñeiros
moendo graos e canciós!
Meu regato do Cepelo
de afortunado caudal:
¡levas árbores e nubes
copiados no teu cristal!
Meu regato do Cepelo:
amas tanto ao teu lugar
¡que naciches en Outeiro
e non quixeche emigrar!
Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

xoves, 9 de xuño de 2016

O violín da fraga

           Fábula

No mesto silencio de Almendrá a fraga
é un violín saloucando nostalxias
cecais as que perdeu o merlo aquel
que falaba cos toxos e coas xestas

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

sábado, 7 de maio de 2016

Balada

é unha raioliña de luar na íntima
e familiar Praciña do Concello
batendo contra as casas de Montes
ensumíndose entre
as vellas cerdeiras e os negrillos

esa raioliña tecida con lembranzas
é a fada que sempre desexamos ollar
o noso degaro feito luz ben real
as palabras de amor que van no
noso peito
a chave
que se abre aos segredos máis escusados
e nos fai donos de todos os tesouros

celosos e avarendos nós gardamos
a raioliña de luar que nos é propia
xunto ao primeiro sol da Primavera
e as derradeiras follas do Outono.

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)


luns, 1 de febreiro de 2016

O mestre de versos

Manuel María lembrou sempre ao home que lle ensinou a compoñer versos, Manuel de Paderna, quen traballaba na casa familiar do poeta chairego. Hoxe na Casa Museo en Outeiro de Rei hai un retrato do home que lle achegou a cultura popular a aquel rapaz inquedo que sería unha das grandes voces poéticas galegas do século XX. Manuel fíxoo presente en composicións tan fermosas como esta:

Pranto por Manuel de Paderna

Manuel de Paderna, mestre,
poeta do noso pobo,
¡castiñeiro ben frondoso
e carballo sen renovo!

Outeiro quedou moi pobre,
a xente murcha e tristeira,
¡que lle falta o seu cantor,
a súa voz máis verdadeira!

¿A onde fuxiu a beleza
e a gracia da poesía...?
¡Andamos orfos de versos
e faltos de fantasía!

Xa non temos a ninguén
que improvise unha canción,
que nos achegue ao sentimento
e nos abale a emoción.

Manuel de Paderna, amigo,
nobre cantor popular:
¡o vento chairego garda
a paixón do teu cantar!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

martes, 26 de xaneiro de 2016

Outro da Gabriela Maira Roibás


VIII

¡Estou na vida e non sei
cal é o torto ou o dereito!
           ¡Ai!
¡Escuros veos de sombra
fanme ignorar de onde veño!
           ¡Ai!
¡A miña infancia perdida
nun tempo que xa non lembro!
          ¡Ai!
¡Son unha moura soidade
chea de pasmo e de medo!
           ¡Ai!
¡Tan soio a luz do amor
aluma a vida que teño!
          ¡Ai!
¡Ando perdida na vida
como unha folla no vento!
           ¡Ai!
¡E o misterio non desvea
a ninguén o seu segredo!
          ¡Ai!
Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

martes, 22 de setembro de 2015

Agochado baixo outros nomes

Baixo o nome de Gabriela Maira Roibás, o poeta chairego presenta estes versos nunha obra súa na que finxe recuperar a obra de autores/as do seu concello, e aproveita para xerar composicións en distintos estilos, como corresponde á variedade presente nunha escolma de poetas:

A serán tínguese de ouro
co resplandor do solpor
¡mentres a fonte marmula
a coita dun grande amor!

Morre o día pouco a pouco
na paisaxe, doce e mol:
¡o Miño desfaise en pranto,
fuxe, arrepiado, o Sol!

As campanas de Asteriz
xa tocaron a oración
¡e as ribeiras de Martul
fan actos de contrición!

Morreu mainamente o día,
sen un salouco ou un ai.
¡Vaino enterrar o silencio
na corredoira de Aldai!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

domingo, 12 de xullo de 2015

A tribu

E, claro, a tribu. Como non, sempre latexando nos seus poemas, as persoas coas que partillaba unha orixe espacial específica, pero tamén unha relación de amizade e de compañeirismo -a tribu, como dicía el.
Esa comunidade que onte lle rendiu homenaxe na súa terra, na 2º Convívio da Cultura Galega, que tivo lugar, como non, na Carballeira da Santa Isabel en Outeiro de Rei.

Poema de Outeiro de Rei

Cismo -teimudo- na miña propia tribo
no meu                   OUTEIRO DE REI
que levo empadroado nas nostalxia

     - a terra fáiseme                música
     lonxana señardosa delicada

os homes son ledicia e primavera
voz               de           cotovía
na impeza impecable da mañá

    - as mozas conservan sen murchar
    toda a súa beleza prodixiosa
    e a xeometría perfecta da camelia

a miseria da vida é esta dor
(olládea ben        e       compartídea)
que me murcha as flores e as sorrisas

     - o Miño non ten pasado nin futuro
     leva           todo            arquivado
     na súa lembranza nidia e rumorosa

e eu son esa folla pequeniña
...: que caeu – silandeira - nun remanso

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)