Amosando publicacións coa etiqueta Quiroga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Quiroga. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de abril de 2016

Pequeneiro lugar vexetal

Recentemente oín falar deste lugar que tanto facía pensar a Manuel María cando pasaba por alí cara Monforte, por estar abandonado: non só lle adicou este poema, senón que ambientou nel o seu relato "O Kriloi está no Cereixal".

Lembranza do Cereixal

Este lugar, unha aldea abandonada,
está ao pé da estrada
que vai a Quiroga por Freixeiro.
O pobo é pequeneiro
e ten un nome fermoso e moi cabal:
chámase Cereixal
e pertence á aldea de Nocedo,
terra de laxes e abicedo.
Como dixen, Cereixal está sen xente
e as casas desfanse lentamente.
As veciñas e veciños do lugar
denantes de marchar
eran, ao ben visto, carboeiros.
Estas terras quebradas,
sen pastos nin lameiros,
non teñen tampouco labradío.
Os veciños non podían manter
gado maior
e só tiñan ovellas e cabrío.
Eiquí eran a miseria e o non ter;
a pobreza e a dor;

a orfandade, a inseguridade, o arrepío,
o sentir a fame e máis o frío.
Un día esta xente tan sufrida
marchouse cara a vida.
Agora non sei onde están,
onde comen o pan.
Non sei si a vida trata ben ou mal
aos que foron pobres e sufridos
veciños do Cereixal.
Non sei si lembran tempos idos
e si levan ou non
no corazón
saudades e morriñas
destas terras pobriñas.
O único que sei
e adiviñei
deste lugar
é que del só se pode lembrar
o seu nome fermoso,
primoroso
e vexetal
no que canta a calandra e o pardal.

                                Versos para cantar en feiras e romaxes (1969)






luns, 11 de abril de 2016

A amizade e a memoria

Hoxe tivemos a ocasión de coñecer un novo soneto de Manuel María relacionado co Val de Quiroga e coas súas xentes, grazas a Xosé Estévez, que nolo leu durante unha charla que deu sobre Manuel María e a súa amizade con el; non está recollido no poemario Sonetos ao Val de Quiroga, porque foi escrito con posterioridade, ao morrer Xosé Teixelo, Pin, pintor quirogués que ilustrou a primeira edición desa obra. Na memoria do escritor e do pintor, e en recoñecemento da laboura de conservación documental e de difusión que está a facer o historiador que prologou o libro, reprodúcese aquí tal cal:

luns, 31 de agosto de 2015

A orixe

O poeta chairego, nado en Outeiro de Rei, era de ascendencia quiroguesa por parte da nai. A ese val e ás terras montesías que o circundan adicoulles un poemario:

Quiroga: fáloche a ti para preguntar
pola perdida raíz da xente miña
que nesta terra viviu e, nela, tiña
asentamento profundo o seu solar.

¿Qué destino feroz ou qué pauliña
puideron, absurdamente, rematar
co seu constante, paciente laborar
e a súa vida ignorada e pequeniña?

Todo camiña á nada, para o olvido,
gravando nos ronseles da memoria
un recordo profundo e dolorido.

E, para poder vivir o xa vivido,
recupero teimudo a propia historia
e déixome perder entre o perdido.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)