Amosando publicacións coa etiqueta Cancioneiro de Monforte de Lemos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cancioneiro de Monforte de Lemos. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de decembro de 2016

Madrigal a Monforte

Monforte flor dun cantar
feito de luz e alegría.
¡E toda a noite a ruar
no Campo da Compañía!

Monforte do meu amor
que levo no corazón:
¡eu son o teu rondador
no Campo de San Antón!

Monforte doce ferida
dos meus soñares inquedos.
¡E toda a noite perdida
na rúa dos Abeledos!

Monforte luz namorada
do meu soñar verdadeiro.
¡E toda a vida gañada
na Praciña do Piñeiro!

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990)

venres, 21 de outubro de 2016

Pequena canción de amor

Pequena canción de amor

En Monforte, amiga miña,
arrigou o noso querer.
¡Foi roseira pequeniña
denantes de recender!

En Monforte, miña amiga,
agromou o noso amor.
¡E foi semente e espiga
de desmedido grandor!

En Monforte, miña amada,
froleceu o amor noso.
¡E comezou sendo nada
e fíxose poderoso!

En Monforte, amada miña.
¡Tivo que ser en Monforte!
¡O noso amor, queridiña,
que cada día é máis forte!

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990)


xoves, 30 de xuño de 2016

Canción da rúa do Cardenal

Cardenal, rúa ou raíña,
de beleza sorprendente:
¡a ollada túa aloumiña
ao Monte de San Vicente!

A túa estrela sempre acerta
coas roitas da fantasía:
¡Cardenal, ancha e aberta,
que acaban na Compañía...!

Ouh Cardenal, flor das rúas
con galerías sen par
¡que teñen lembranzas túas
e non as queren contar...!

Acéndeste, ruborosa,
e brillas como un rubí,
¡Cardenal, moza xeitosa,
se oes dicir ben de ti!

Cardenal, rúa perfecta
e corazón da cidade:
¡materia de vida feita
con soños de eternidade!

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990)

mércores, 1 de xuño de 2016

Luceiro de Lemos

Monte de San Vicente do Pino

¡Triloxía da pedra cara á altura:
a vella Torre, o Pazo e o Mosteiro!
San Viecente do Pino anda á procura
de subir e subir e ser luceiro.

A Torre é un mastro que vixía,
unha reliquia viva do pasado,
un inútil garda da campía
e un vello soldado licenciado.

O Pazo é o pasado que se vai
senlleiro, triste, indiferente,
que esbroa calado, sen un ¡ai!
e morre sen remedio, lentamente.

O Mosteiro, en loita coas idades,
é a lenda da coroa queimadora,
vella historia de condes e de abades
e lema dos bieitos: "Ora e labora".

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1991)

mércores, 17 de febreiro de 2016

Inés de Castro

Inés de Castro, doce e namorada,
está lonxe Monforte de Alcobaça.
¡Ouh Inés de Castro, a malfadada:
o amor de verdade nunca pasa!

¡Ouh sinxela Inés, garza real!
¡Ouh apaixonada Inés, garza real!
¡O verdadeiro amor sempre é leal!
¡O verdadeiro amor é toda a vida!

O amor é anceio, luz, arela.
O amor, por ti, acada eternidade.
Don Pedro non acouga, sempre vela,
que o amor, ouh Inés, é a verdade.

A vida non ten senso sen amor.
A vida non vale nada sen tenrura.
¡O amor vence á morte e máis á dor
e o amor é sempre o que perdura!

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990)

sábado, 10 de outubro de 2015

Canción de amor ao Val do Lemos

Amo esta terra vella feita
de arxila vermella como o sangue
na que a xente deixa
o seu suor de séculos
co que lle dá sabor ao pan,
ao viño, á tarefa sagrada
e humilde de ser home.

Amo esta terra cruzada
polo Cabe, melro máxico,
canción que aquece
e enche o corazón.

Amo esta terra boa, tan humana.
Amo esta inmensa cunca
na que floreceu para sempre
o meu amor: Monforte
e todo o Val de Lemos,
Pantón, Bóveda, Sober
e as terras do Brollón e o Saviñao.

Amo esta terra chá
cinguida
por serras e por montes
e polo azul do ceo coroada.

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990)

xoves, 13 de agosto de 2015

A outra patria do poeta

Manuel María, chairego de nacemento e de corazón, non deixou de cantar outras terras coas que tivo especial relación pola súa traxectoria vital, como é o caso de Monforte:

Poemiña do río Cabe

Ouh Cabe, meu río Cabe,
marmurador e riseiro,
¡tés a tenrura da ave,
pasas cantor e lixeiro!

Mandou a estrela da sorte
que espallaras a cidade.
¡Cándo pasas por Monforte
vas cheo de vanidade...!

¡Non lle temes ao castelo,
as pontes non te domeñan!
¡Sigues, ufano e sinxelo,
sen soltas que te deteñan!

¡Corres lixeiro, xentil
e sen deixar de cantar!
¡Nas augas fondas do Sil
sigues camiño do mar...!

Ouh Cabe, meu río Cabe,
transparente e xogoral:
¡o teu marmurio suave
é a cantiga do Val!

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990)