martes, 31 de decembro de 2019

domingo, 1 de decembro de 2019

Oración

Suplicamos con toda a nosa alma, o don de poder interpretar o misterio de cada cousa. Que os vellos camiños, cheos de memorias, nos digan as súas alegrías e as súas mágoas.Que nos conten o gozo con que levaron aos limpos de espíritu e aos inocentes e nos mostren as feridas que lles deixaron os malfeitores pra ollar o xeito de remedialas e, se é posible, borralas. Todolos camiños son fermosos: os da terra, os da auga, os do aire. Todos levan ao mesmo lugar, aínda que algunhos non o sepan: á ermida da Nosa Señora Santa Isabel de Outeiro de Rei da Terra Chá. Que eses camiños permanezan dos séculos polos séculos. Amén.

Novena a Santa Isabel, 1995

Amizade de sons


O Cepelo, TeiS, decembro 2019
O Cepelo é o de sempre: rozas, curros, prados. O regato divide as parroquias de Outeiro de Rei e Robra. O silencio é amigo e fondo. Pódese ollar a transparencia do aire. Escoítase a voz dos paxaros inverníos: corvos, aves frías e pegas. Os seus berros -que non cantos- firen a tarde que semella desangrarse na luz deste sol esvaecido. Sería maravilloso poder quedar eiquí horas e horas, escoitando o rumor do regueiro, contemprando as árbres, fundíndose na limpeza do aire e sobresaltándose cos berros dos corvos e co grá-grá das pegas. Fainos falla máis contacto coa natureza e unha meirande familiaridade co silencio -nós que somos tan faladores- pois xa cáseque non nos coñece. Nin nós a él.

Anaco de "Viaxe sentimental a Outeiro de Rei", 
recollido en Andando a Terra, 1990, A Nosa Terrra