Amosando publicacións coa etiqueta Mero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mero. Amosar todas as publicacións

domingo, 7 de agosto de 2016

O frecuentador de Pardiñas - notas para unha reportaxe

Manuel María era asistente habitual ao Festival de Pardiñas, dende as súas primeiras edicións, e participaba nel activamente de moitas maneiras: facía a entrega de premios do certame de narración e de debuxo, presentou alí obras como Saturno e deu o pregón correspondente á VI edición. El e Saleta, ao igual que outras personaxes relevantes da cultura e das letras galegas, integrábanse nas tradicionais merendas que teñen lugar o domingo, segundo día do festival.

A súa amizade con Alfonso Blanco Torrado favoreceu múltiples colaboracións coa asociación cultural Xermolos, que se fixo cargo da edición de obra súas como Panxoliñas (1992), Novena á Santa Isabel (1995) ou Elexías á miña vida pequeniña (2004). Esta asociación tamén promoveu a publicación de diversos estudos sobre a obra do autor chairego, algunhas delas da autoría de Camilo Gómez Torres (A Terra Chá na Poesíade Manuel María, 2003; Bibliografía de Manuel María, 2004) e outras de feitura colectiva, como Manuel María (2001).
O poeta de Outeiro de Rei, nun artigo publicado en A Nosa Terra titulado “O poeta Díaz Castro e o outono” (recollido en Andando a Terra, 1977-1987), deixaba testemuño da súa presenza nunha cita cultural promovida por Xermolos, coa intervención nela do poeta guitiricense por excelencia:
“[...] Díaz Castro vive en Madrid, dende hai moitos anos. Polos vraus ven a Guitiriz. Non fai vida literaria. O poeta pasa o tempo, calado e humilde, sin facer bruído. A súa vida transcurre, como si dixéramos, en voz baixa.
Este vrau pasado, forzado por ese home fabuloso que é Alfonso Blanco, Díaz Castro pronunciou o seu primeiro recital poético en Guitiriz, patrocinado pola Agrupación Cultural Xermolos. Asistimos a él. Foi unha ledicia. Unha verdadeira leición de autenticidade. O pudor do poeta, a inseguridade e mesmo o nerviosismo, déronlle unha dimensión humana a leitura dos seus versos, que nos emocionou.
Despois do recital falamos co poeta e con outros amigos de Guitiriz no Bar Gaibor [...]”
O XXXVII Festival de Pardiñas este ano recoñe a figura de Manuel María, e a presenza hoxe de Mini e Mero cun pregón musical é outra chiscadela de ollos ao poeta, que foi musicado por eles en numerosas ocasións. A asistencia dos fieis do festival e de Manuel María é obrigada.


sábado, 19 de marzo de 2016

Mestres da Memoria

Hoxe tivo lugar a gala da AELG na que se lles entregou o premio de Mestres da Memoria a Mini e Mero, dous grandes da música e da cultura galega. A relación que mantiveron con Manuel María foi estreita, e moitos versos do escritor chairego foron logo musicados por eles, tanto dende Fuxan os Ventos, como dende A Quenlla. Aquí fica este exemplo como recoñecemento á súa laboura:

Labrego

Toda a miña xente
de labregos foi,
xunguidos á terra
con xugo de boi.

Meu pai é labrego,
tamén meus avós:
¡pasáronse a vida
tripando terrós...!

Meu pai é labrego,
labrego naceu,
¡e labra nos eidos
traballando a treu!

Meu pai é labrego,
labrego naceu.
¡Meu pai é labrego,
sen terra de seu!

Meu pai é labrego,
labreguiño eu son.
¡Pasarei a vida
xunguido ao terrón!

Os soños na gaiola (1972)