Amosando publicacións coa etiqueta Documentos persoais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Documentos persoais. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de xullo de 2016

Os ceros

Carta ao director dun banco

Señor Director: vostede sabe ben
que os números son xustos,
mouros, xeados, abraiantes.
Son unha sociedade limitada
anónima, triste, mercantil.
Somentes os ceros son humanos:
tenros, redondos, ben beitiños.
¡Se vostede puidera -hoxe tan só-
trebellar cos ceros, como as nenas
-milagre dos milagres-
trebellan, inocentes, cos seus aros!

Documentos persoais (1958)


luns, 6 de xuño de 2016

Telegrama a un Excelentísimo Señor

Eu quixera sorrirlle docemente
como sorrí a rosa cando nace.
Mais cecais Vosa Exccelencia,
que sempre anda co tempo tan tasado,
non pode dispoñer dun intre,
dun intre pequeniño para ollarme.
E non insisto máis, porque ben sei
que o seu tempo, Excelencia, vale cartos.

Documentos persoais (1958)


xoves, 3 de marzo de 2016

Sucesos

Aconteceu unha desgracia irreparábel.
Vén no xornal de hoxe, cuarta páxina:
"Apareceu un pombo suicidado.
Aforcouse onte pola noite
na ponla florida dun cereixal.
Ignóranse os motivos, porque o morto
non tivo sequer a xentileza
de escribir unha carta desculpándose".
Recibíronse moitas mostras de pesar
e hoxe ao seu enterro asistirá,
vestida de loito rigoroso,
a Sociedade Protectora de Animais.

Documentos persoais (1958)

venres, 26 de febreiro de 2016

Oficio a un Melro

Eu comunícolle a vostede, Señor Melro,
que anda a cantar tan ben no silveiral:
a súa canción, souril e vella,
pon unha arela de luz no meu sentir.
É como se en min nacera algún milagre
ou unha roseira inefábel me apampara
deixándome estantío.
É como se unha voz de anxo, tan acesa,
puxera no corazón tal señardade.
Pero eu comunícolle a vostede, Señor Melro,
que non lle diga a ninguén o seu cantar.
Vostede non ten licencia da Academia
e non se pode cantar sen máis nin máis.

Documentos persoais (1958)

xoves, 26 de novembro de 2015

Utilidade dos anuncios por palabras

Guía comercial

Dende agora os poetas non precisan
andar ollando a lúa para inspirarse,
abóndalles con ler
os nosos ANUNCIOS POR PALABRAS:
"Véndense angurias, estrelas,
albas, lúas e solpores.
Véndense diccionarios da rima
tenros como nata.
Temos almas de flores
e chíos de paxaros.
Todo moi barato. Damos 30 prazos.
Remesamos os pedidos a reembolso,
en gran velocidade e porte pago."

Documentos persoais (1958)

martes, 27 de outubro de 2015

Queda dito

Carné de identidade

Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.

Agora son un namorado.

Eu son Manuel María.
Cantor da Terra Chá que algunhos din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.

Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.

Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
eu son tan só, lonxano e feble.

Documentos persoais (1958)

xoves, 20 de agosto de 2015

... froito do traballo?

Dándolle continuidade á liña temática da entrada anterior, cun ton máis lúdico que transcendente, están estes vesos, nos que o poeta da chaira finxe ter problemas coas musas:

Horario de traballo

Segundo se le no artigo 10 do Regramento,
apartado terceiro, quinto párrafo,
débese traballar de nove a unha
e de catro a sete pola tarde.
Eu coa miña Musa estou desesperado,
a miña Musa non cumpre o Regramento
nin tampouco o horario de traballo.
Terei que demandala. O xuzgador
ten que acordar que fique cesante
por sentencia firme, xusta, inapelábel.
Estón poñerei este anuncio nos xornais:
"Precísase unha Musa en bo estado,
pagaránselle pluses, vacaciós,
quinquenios, luz e máis criada
i unha paga de máis de cando en cando".

Documentos persoais  (1954)

luns, 6 de xullo de 2015

Bando

Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licenza para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
pra que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e os Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra da lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.
Dáse este bando en tal e cal
para que se cumpra
de orde do alcalde.
Asinado, carimbado e rubricado.

Documentos personais (1958)