Amosando publicacións coa etiqueta Libro das cantigas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libro das cantigas. Amosar todas as publicacións

domingo, 2 de xuño de 2019

Cantiga da barqueira

Este texto de Manuel María foi musicado por Uxía e aparece recollido no primeiro disco en solitario de Sonia Lebedinsky. Foi un pracer inesperado escoitarllo hoxe no Vello Cárcere de Lugo, no ciclo Mulleres con forza:

Miña doce amiga
ti serás barqueira,
que agroman as rosas
na outra ribeira.
Agromaron rosas
pra que sexas barqueira,
que non agromaron 
porque é primaveira.
Pra que sexas barqueira
ao ir a collelas,
agroman as rosas
naquela roseira.

Libro das cantigas (1955)

xoves, 10 de setembro de 2015

O trobador


Manuel María escribiu poemas moi diversos, tanto formal como tematicamente ao longo da súa traxectoria. Quedan aquí estes dous poemiñas na liña das cantigas medievais galego-portuguesas, que semellan unha regueifa amorosa entre dúas voces poéticas:

1

Dáme o teu silencio, amiga,
pra facerche unha cantiga,
¡ai amiga!

O teu silencio dourado
e alto como unha espiga,
¡ai amiga!

Hei facer unha cantiga
co teu silencio, que diga:
¡miña amiga!
5

¡Estar a soias contigo
entre unha leira de trigo,
meu amigo!

¡Estar a soias contigo
á sombra do verde pino,
meu amigo!

Escoita ben o que digo:
¡estar a soias contigo,
meu amigo!


Libro das cantigas (1955)