sábado, 15 de decembro de 2018

Cultivar soños melancólicos

No Club de Lectura da Casa-Museo de Manuel María, hoxe unha das lectoras recitou, entre outros versos do autor de Outeiro, este poema que serviu de peche á sesión na que comentamos Ardalén, de Miguelanxo Prado. Se tivestes o pracer de ler esa novela gráfica, decatarédesvos do ben que encaixan estas verbas coa historia que conta. Se non o lestes, non esperedes máis para facelo!

Pastoral

Non hai ningún oficio tan fermoso
como o de pastorear as palabras,
abrir o sentimento cara
a flor dos días máis felices
que recenden a liño fresco,
a mazá reineta e a nostalxia.
Uso os meus outonos, mentres
vou pouco a pouco envellecendo,
en cultivar soños melancólicos,
revivir paisaxes coñecidas
e alumarme por dentro: iluminarme 
co resplandor da luz que máis amei.
            
A luz resucitada (1984)

martes, 11 de decembro de 2018

Ser unha ola de palabras


Hoxe tivo lugar na Capela de Santa María, en Lugo, a inauguración dunha "moi competente" -como día o Manuel- exposición sobre a oleiría de Bonxe. Un dos comisarios desta gran mostra da produción de cacharros desa parroquia de Outeiro de Rei (e doutras parroquias próximas), Orlando Viveiro, na súa breve e certeira intervención, citou este texto tan acaído de Manuel María:

Día Segundo. Oración.
Suplicamos a gracia da palabra. Desexamos ser como unha ola de Bonxe, ateigada coa música máis nidia e máxica do nonos idioma que nos sirve pra nombrar a terra, o amor, a rosa, o soño, o traballo de cada día e o descanso de cada noite. Cando esa ola, que somos nós, escache e os seus anacos volten á terra da que está feita, que as palabras que contiña voen como paxaros e se espallen, alegres chiadoras, por toda a tribo, levando un mensaxe de paz e amor. E o recendo que deixen sexa unha melancolía pra contrapoñer aos oubeos do odio, aos estarabouzos da carraxe e aos estouridos do rencor. Amén.
          Novena a Santa Isabel (1995)


Non deixedes de ir visitala!