domingo, 10 de abril de 2022

Xuntoiro celeste

Nubes que van e que vén.
Nubes que veñen e van.
O voso secreto afán:
¿que fondo misterio ten?

Nubes altas, fachendosas
ou nubes a ras do chao
que podo apañar coa mao
como flores das camposas.

Nubes grandes e pequenas,
nubes belidas e feas
¡en xuntoiros e asembleas
contando gozos e penas!

Nas nubes quero habitar.
Nas nubes quero vivir:
¡non teño medo a ir e vir
e non me asusta aterrar!

      Compendio de orballos e incertezas (1991)

sábado, 19 de marzo de 2022

Madeira de irmán

O cedro da horta da Casa de Hortas

(Outeiro de Rei)


Meu lanzal cedro senlleiro 
que naciche en Pontedeume:
¿gardas lembranza en Outeiro
das doces augas do Eume...?

Cando meu avó e padriño
te prantou na horta de Hortas
¡eras un cedro noviño
de ponlas febles e cortas!

Cedro xentil, labarada
de delicada elegancia:
¡ti fuche o meu compañeiro
nos días da miña infancia!

¡Non hai arbre tan fermosa
nin ponlas tan cantareiras,
nin pousada máis xeitosa
prás anduriñas lixeiras...!

As estrelas fan o niño

no teu cimo, meu irmao.
¡E se te estiras un pouco
tocas o ceo coa man...!

Como eres tan xigantón
falaron de derrubarte.
¡Eu sempre dixen que non
e loitarei por salvarte!

Se a sorte, cega e arteira,
chega a rematar contigo:
¡eu pídolle á túa madeira
que baixe á terra comigo!

Terra Chá (1954)


luns, 31 de xaneiro de 2022

Lembranzas

 Era fermosa... Si, era moi fermosa
a Noiteboa cando o pai vivía
e, despois de rezar un longo rosario,
ceaba en paz toda a familia.
Era fermosa a ilusión con que os nenos
agardábamos a vinda dos Reis Magos.
Era fermosa a primavera e os niños
de ouriol eran fermosos. O campo
da Santa Isabel, dende abril ao outono,
era fermoso. E o día da festa era
a data máis feliz de todo o ano.
Era fermosa a Carballeira, o son
das campanas nas mañás, o río
e o centeo, en maio, a flolear.
Todo o pobo era fermosísimo.
Era boa e fermosa aquela vida.
Pero ti, ai doce amiga miña,
¡non estabas aínda perto de min!

Remol (1970)