37
Os tractores desfixeron e achaiaron
o campo das medorras. Ningún
deus se alporizou. Tampouco
se conmoveu un corazón. Non houbo
quen derramase unha piadosa bágoa.
Onde estaban as medorras agora
medran os piñeiros. O seu fungar
é un conmovido pranto funeral
que nos di: "Nós vivimos
no po do po dos defuntiños.
Non hai morte.
Só a resurrección é a verdade."
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Amosando publicacións coa etiqueta Ritual para unha tribo capital de concello b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ritual para unha tribo capital de concello b>. Amosar todas as publicacións
sábado, 2 de febreiro de 2019
A desfeita
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
mércores, 17 de maio de 2017
Chairegos caudais
Unha vez máis
-e sempre, sempre-
os meus ríos
menores
cruzan o
territorio máis fondo
de min mesmo:
Río Pequeno,
de Robra ou
Santa Marta:
tres nomes
para un só
caudal feble e
calado.
... e o
Ladra...
O Ladra, puro,
chairego e xogoral,
clamando
sublevado contra
a terra e o
ceo: como un can
poderoso,
silvestre e vagamundo.
Ritual para unha tribo capital de concello (1988)
Etiquetas:
1988,
Ritual para unha tribo capital de concello
xoves, 27 de abril de 2017
O sono que envolve
Feito estás, Outeiro, dunha seda
máxica, pesada choiva anterga,
auga lene, clara, fuxidía
e música lenta, imperceptíbel,
se solpores que se menten en nós
cunha melancolía maina e agridoce.
Escurísima pucharca de quietude:
inmobilízate un pesado sono
do que sei, con certeza,
que non será ensoño endexamais.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
luns, 10 de abril de 2017
Os amores
Non podo, Outeiro, tribo de meu,
luz e morte miñas, imaxinarte
sen Saleta. Ela chegou a ti,
olloute. E abriuse ao teu amor.
Ti décheslle o teu asombro puro,
o teu nu latexo emocionado,
a voz comunal das túas campás,
o murmurio litúrxico do Miño
e a prodixiosa canción do merlo
máis xentil e fermoso, que vive
nas altas soidades do Cepelo.
E os tres -Saleta, a tribo e eu-
somos, xa para sempre endexamais,
a terra puro, canal e apaixonada.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
sábado, 8 de abril de 2017
O quiosco da memoria
Os mandamais -cegos, xordos, insensíbeis-
ordenaron derrubar o vello quiosco
da praciña, en que tocaban as bandas
de Bonxe, Asteriz, Vilacendoi,
e Paderna deu ao ar, en ocasiós,
a luz dos versos seus, que se pousaron
nalgún fráxil corazón estremecido.
Vello quiosco, de xisto e ferro mol,
de forma octogonal como unha estrela,
altar onde os meniños
poñiamos de oferenda os nosos soños
coa ilusión de que algún día fosen
a flor delicada máis fermosa
ou un forte carballo sonoroso.
Asasináronte dun xeito escuro e vil.
Mais ti, quiosco meu,
humilde corazón da miña tribo,
só morrerás se é que te borran
da teimosa memoria colectiva.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
martes, 4 de abril de 2017
Ao lonxe, os cumes
Tribo miña sen montes nin montañas.
Perto a ti, o Cordal de Chinto, leve
e breve. Na lonxanía, o ergueito
Picato de San Claudio de Aguiar,
os montes de Abadín, a Serra
da Corda. E a da Carba. O horizonte
é azul-mar, marrón e verde-malva.
E pon, nos nosos ollos de bois
mansos, unha luz soñada e irreal,
con que apenas podemos acender
as nosas pobres e pálidas lembranzas.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
xoves, 16 de marzo de 2017
Tristes e brutais
Os
meniños eramos tristes e brutais.
Tiñamos
un curioso aspecto
de
rosas murchas, queimadas
por
unhas xeadas sen piedade.
As
nosas gargalladas resultaban
feroces
como ouveos. Non sabiamos
sorrir.
Fuxiamos como animais
salvaxes
e asustados. Eramos crueis
cos
cás, cos gatos e os paxaros.
E
só nos divertiamos pelexando,
divididos
en bandos e a cantazos.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
venres, 10 de marzo de 2017
Ensoñacións de seda
O verde das Pradelas da Fonte ten
suavidade de seda e luz virxe
de mencer: desperta en nós
o desexo de ollar medrar o prado
e presenciar, sorprendidos
e asombrados, como o aire e a auga
se fan herba fermosa e delicada,
veludo por onde poden camiñar
as nosas ensoñaciós convalecentes.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
venres, 17 de febreiro de 2017
Pouco cantareiro
Outeiro
silandeiro, xordo e mudo,
nunca tiveches
a ledicia,
o consolo e a
beleza da canción.
Endexamais, de
que se saiba,
inventaches
unha cántiga.
E podreces por
dentro,
aínda que por
fóra teñas
a graza, lene
e delicada,
dun ramalliño
apenas florecido.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
luns, 13 de febreiro de 2017
Ríos menores?
Unha vez
máis – e sempre, sempre-
os meus ríos
menores
cruzan o
territorio máis fondo
de min mesmo:
Río Pequeno,
de Robra ou
Santa Marta:
tres nomes
para un só
caudal feble e
calado
...e o
Ladra...
O Ladra, puro,
chairego e xogoral,
clamando
sublevado contra
a terra e o
ceo: como un can
poderoso,
silvestre e vagamundo.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
luns, 16 de xaneiro de 2017
O frío
O
grasneo feroz das avefrías
polas
nabeiras de Senxildes,
cubertas
de xeo branco e duro,
entraba
no noso feble sangue
de
meniños pasmados e indefensos
cun
forte arreguizo estarrecente.
Tiñamos
frío e medo. E o lume
triste,
fumento e vacilante
da
lareira era, para nós,
un
máxico e perfecto paraíso.
Ritual
para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
sábado, 10 de decembro de 2016
O camiño máis certo
Os camiños da tribo abertos
polos pés dos homes,
dos animais
e as rodas dos carros,
coñécennos e ámannos.
Por eles andamos confiados.
Sabemos que non
nos enganarán endexamais
e que rematarán levándonos
á paz do cementerio parroquial.
Ritual por unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
martes, 1 de novembro de 2016
O que permanece
Os defuntiños son a auténtica
nostalxia, a esencia da tribo,
o tremor calado, imperceptíbel,
feito tempo e silencio que vai
en nós, guiando e amparando
o noso ser. Os defuntiños son
a verdade fidel que permanece.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
sábado, 22 de outubro de 2016
O muíño do Miño
O muíño que está ao pé do Miño,
enorme como un monte, seguro
e lento como o tempo, garda
un segredo nunca revelado:
non son os seus rodicios
os que fan cantar á auga escura
e prisioneira do caneiro.
A canción da auga é quen
move os rodicios e lles dá
un prodixioso ritmo máxico:
medida e número do mundo,
harmonía e cómputo dos astros.
Ritual para unha tribo capital de concello (1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
sábado, 8 de outubro de 2016
O bardo de Outeiro
Na metade do deserto era Paderna
a luz lizgaira e benfeitora,
a palabra sagra, a fantasía,
a chave para abrir o tesouro
que a tribo tiña xa esquecido,
o enorme amor para comprender
as cousas visíbeis e invisíbeis,
a perfecta flor marabillosa
que se murchou caladamente.
A súa mensaxe escrita está
na inocencia da auga fuxitiva,
na pureza do vento e das estrelas.
Para recibila abonda só
con abrir os ollos cara adentro
e escoitar o canto inquedante
do noso ser máis fondo, onde
agroma a fonte manantía
dos nidios ensoñares verdadeiros.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
xoves, 8 de setembro de 2016
No cabodano
Un sinte nostalxia daqueles lentos
solpores de setembro, xordamente
sonoros como un zoar de abellas,
que caían no Miño, dourados
e liviás, enchendo ao noso corazón
dunha dozura morna e sutilísima.
Nós e o mundo éramos o mesmo
esmorecemento solermiño.
E, sen que nos decatáramos, viñan
aos limpos cristais dos nosos ollos,
unhas bágoas tépedas e mornas:
conmovida oferenda ao encantamento
dun misterio case imperceptíbel.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
domingo, 4 de setembro de 2016
Tamén eran da casa
Os xornaleiros e criados eran xente
de nós e pertencían ao mesmo clan.
A súa dilixencia garimosa daba
confianza e impuña certa distante,
submisa cortesía. Tiñan unha firme
fidelidade, discreta e instintiva.
E, anque se foran, a súa presencia
permanecía, de por vida, no ar,
tépedo e familiar, de toda a casa.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
martes, 23 de agosto de 2016
O lugar da conversa
A horta familiar, coa súa fronteira
de pedra e chantos disconformes,
recende dun xeito marabilloso
e penetrante. É o meu reino.
As miñas árbores son o cedro,
a fermosa nogueira e o loureiro.
Con eles converso. E cos plantíos.
Unha paz, doce e fonda, vaime
enchendo de luz o corazón.
Sinto a grave maxestade do solpor.
Calo. E unha descoñecida pomba,
leve, mansa e asustada,
cruza o meu pensamento nun voo súpeto.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
luns, 8 de agosto de 2016
O que falta
A xente de meu naceu na tribo: nela
habita e enraizou como un carballo
ou como o venerado cedro familiar
ao que menea, ás veces, unha brisa:
lembranza piadosa e emocionada
do irmanciño morto de desgracia.
Unicamente falto eu. Resido lonxe
e non podo, cando quero, tripar
e ollar a terra que amo. Xa que
exilado estou de ti, torrón nativo:
desterrado vivo dentro de min mesmo.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
domingo, 10 de xullo de 2016
A voz na carballeira
A vella, fermosa carballeira,
pon en nós un inquedo
tremor respectuoso:
cada carballo é un ser vivo
que canta, sofre e ama.
A súa sombra é un enigma
no que non podemos penetrar
doadamente. E a súa voz,
rouca e cambiante, ten
un tremor escuro de salmodia.
¿Qué mensaxe nos quere transmitir
o seu canto humano e vexetal?
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Etiquetas:
1986,
Ritual para unha tribo capital de concello
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)