sábado, 15 de decembro de 2018

Cultivar soños melancólicos

No Club de Lectura da Casa-Museo de Manuel María, hoxe unha das lectoras recitou, entre outros versos do autor de Outeiro, este poema que serviu de peche á sesión na que comentamos Ardalén, de Miguelanxo Prado. Se tivestes o pracer de ler esa novela gráfica, decatarédesvos do ben que encaixan estas verbas coa historia que conta. Se non o lestes, non esperedes máis para facelo!

Pastoral

Non hai ningún oficio tan fermoso
como o de pastorear as palabras,
abrir o sentimento cara
a flor dos días máis felices
que recenden a liño fresco,
a mazá reineta e a nostalxia.
Uso os meus outonos, mentres
vou pouco a pouco envellecendo,
en cultivar soños melancólicos,
revivir paisaxes coñecidas
e alumarme por dentro: iluminarme 
co resplandor da luz que máis amei.
            
A luz resucitada (1984)

martes, 11 de decembro de 2018

Ser unha ola de palabras


Hoxe tivo lugar na Capela de Santa María, en Lugo, a inauguración dunha "moi competente" -como día o Manuel- exposición sobre a oleiría de Bonxe. Un dos comisarios desta gran mostra da produción de cacharros desa parroquia de Outeiro de Rei (e doutras parroquias próximas), Orlando Viveiro, na súa breve e certeira intervención, citou este texto tan acaído de Manuel María:

Día Segundo. Oración.
Suplicamos a gracia da palabra. Desexamos ser como unha ola de Bonxe, ateigada coa música máis nidia e máxica do nonos idioma que nos sirve pra nombrar a terra, o amor, a rosa, o soño, o traballo de cada día e o descanso de cada noite. Cando esa ola, que somos nós, escache e os seus anacos volten á terra da que está feita, que as palabras que contiña voen como paxaros e se espallen, alegres chiadoras, por toda a tribo, levando un mensaxe de paz e amor. E o recendo que deixen sexa unha melancolía pra contrapoñer aos oubeos do odio, aos estarabouzos da carraxe e aos estouridos do rencor. Amén.
          Novena a Santa Isabel (1995)


Non deixedes de ir visitala!

sábado, 6 de outubro de 2018

Co teatro nas mans

Hoxe conmemorouse a data de nacemento de Manuel María na Casa-Museo, como se vén facendo hai anos, pero esta vez coa novidade de facerse a presentación da edición da Obra teatral do autor, da man de Pilar García Negro. Como con isto xa está todo dito, só queda deixar aquí unha mostra dos versos co que o autor comeza unha das súas pezas, onde deixa ver ben a función social que ten o teatro: 

Presentador:
Miñas donas, cabaleiros,
vellos vedraios, meniños,
abades e militares:
os titiriteiros
non só queren diñeiros.
Queren matar os pesares
desta nobre concorrencia!
Pra todos é súa sabencia:
pró solteiro e pró casado,
pró que anda namorado,
prá viúva esconsolada,
pró que ten a vida andada,
pró neno que está a mamar;
pró mociño presumido
que se coida home comprido
porque comeza a fumar;
pró clérigo, pró paisano,
pró doente e máis pró sano,
pró paifoco, pró xentil
e máis pró garda civil.
Miñas donas, meus señores:
aquí pode suceder,
resultar e acontecer
que as mantas son cobertores!
Poñan, pois, moita atención
que xa comeza a función!

                                          Prólogo, Farsa de Burulú (1970)

sábado, 22 de setembro de 2018

Feira en Rábade

Hoxe cadrou a sábado, vaia. Iso si, as horas pasaron voando esta tarde en Outeiro, cheas de contos de Rábade e arredores: A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo deunos moito que falar...


¡Nosas feiras de Rábade e Gaioso,
a do Monte, Friol, Adai, Nadela!
¡A de Castro de Lea había que vela
e mesmo a de Gaibor, no Barrazoso!

¡Ouh feirón de Vilalba, fabuloso!
¡Miñas feiras de Meira, San Froilán,
As San Lucas, Moncelos e Gontán...!
Lonxe, toda unha lenda, Monterroso.

Discorrían, na casa, as horas lentas
e, se alguén evocaba algunha feira,
revivíanse tratos, mercas, ventas...

Eran, as feiras, vida verdadeira
coas súas desilusiós, as súas enchentas
e as súas horas de leria e brincadeira.

Sonetos á casa de Hortas (1997)

mércores, 19 de setembro de 2018

Novas lúas de outono

A 10ª edición das Lúas de Outono puxo na voz de Susana Seivane un par de textos da Escolma de poetas de Outeiro de Rei, un deles é este que Manuel María atribúe á voz de Gabriela Maira Roibás:
- O soño meu no Outono
cecais se me durmirá.
Dime ti, meu doce dono,
se o meu soño soñará.

- O meu soño soñador,
dime, ¿qué soño soñou?
- Soñou un soño de amor.
Soñou que te namorou.

- Tiven un soño, amigo.
Un soño de namorar.
¡E como soñei contigo
nunca quixera espertar!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)