Amosando publicacións coa etiqueta Euskadi. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Euskadi. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de xuño de 2016

Camiños de amizade

Manuel María, grande viaxeiro, percorreu tamén as terras de Euskal Herria, como di neste poema, talvez composto despois dalgunha das súas viaxes con parada na casa de Xosé Estévez...

Euskadi

Andiven desde Irún a Somorrostro
e de Uztarrotz a Bergüenda.
Pasei por Gasteiz e por Donostia.
Crucei o Gran Bilbao ou Gran Babel
coa lembranza viva como brasa
dunha máxica verba inextinguíbel
de Gabriel Aresti Segurola,
voz baril e clara e neboenta,
patria euskera
difícil, rexa, combatida.
O rumor do mar tiña
unha música fosca, poderosa
como a mensaxe dun antergo deus.
A luz tenra dos vales,
sufrindo un ceo gris-tristura,
escoaba
a labarada das cores da ikurriña,
símbolo dun pobo
que non poderá
ser destruído endexamais.

O camiño é unha nostalxia (1985)

xoves, 12 de maio de 2016

Terra Chá en Euskal herria

Terra Chá foi un dos grandes libros que nos deixou Manuel María, e como el mesmo dicía, foi medrando ao longo dos anos. Proba diso é este "soñetiño" a Xosé Estévez, Pepucho, que se incorporou nalgunha reedición posterior, posto que o propio homenaxeado di que coñeceu ao chairego no 1965:

Sonetiño ó carballo que o noso amigo Pepe Estévez, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Chá a Oiartzun de Gipuzkoa pra transplantalo nun eido da súa pertenza e da súa dona Maribel Goñi

Carballo de Carballido:
¡na Terra Chá tes nación
e levas no corazón
un puro amor transcendido!
¡Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!
Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
¡faite luz, símbolo e siño!
Ti non eres un calquera:
¡dille, en galego, ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!

Terra Chá (en Obras Completas, 2001)