|
A profesión de poeta é
minoritaria, e sempre
estivo de baixa.
Un poeta non cobra.
Un poeta fai de balde
o seu traballo, e de
porparte, aínda
pon el o material
e as ferramentas.
Os nunca ben louvados
e aplaudidos
xogos florais
son insuficientes
e a competencia ponos
moito máis difíciles;
e, si esto non chegara,
hai especialistas
na producción en serie
e en cadea de toda
caste de versos, co que
a crise plantexada
xa chega ao paroxismo.
Pero un, erre que erre,
a pesar dos pesares,
tenlle lei ao oficio
e pide que a profesión
de poeta, dende vello
acreditada, chegue
-pois vaille sendo hora-
a estar regulamentada.
|
Haberá que ir pensando
en publicar un arancel
con dietas e taxas,
prohibindo o plaxio
descarado, a competencia
desleal, o intrusismo;
compre vixiar con rigor
a calidade das liras,
sonetos e cantigas
que saen ao mercado.
Se algún día se logra
o xusto regulamento
eiquí o interesado
consideren que este
seu servidor -solicitante
leva xa moitos anos
exercendo honradamente
a pouca productiva
profesión de poeta
co meirande entusiasmo;
sendo, polo tanto,
de evidente xustiza,
recoñecerlle, ademais
de adicación de cheo,
cinco lustros ben longos
de antigüidade.
Proba documental (1968)
|
Amosando publicacións coa etiqueta 1968 b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1968 b>. Amosar todas as publicacións
sábado, 26 de novembro de 2016
Reclamación laboral
xoves, 7 de xullo de 2016
Sen consentimento
[...] Hai que dicir sempre que non, non
e non a tanto tópico que afoga,
que nos impide respirar.
Un sinte noxo e cavila tristeiro
que só con sentimentos e saudades
-por moi metafísicas que sexan-
non es pode chegar a ningún lado.
Un sinte noxo e dor. E quérese ir.
Pero... ¿para onde camiñar
se están todos os camiños atrancados
e pechadas todas as saídas?
Proba documental (1968)
martes, 31 de maio de 2016
Canción sinxela?
Canción sinxela para rematar
Saleta e servidor
seguimos en Monforte
como sempre:
coa nosa humilde
casa e o corazón
aberto para Galiza
e os amigos.
Seguimos intentando
comprender
e perdoar
aos inimigos.
Arricamos,
se é posíbel,
a herba do odio
cando a vemos.
Todo haique dicilo:
por hoxe somos
moi felices.
Pero hai millós
de irmaos
ciscados polo mundo
- non importa
a raza, a crenza
ou a color-
que son
moi infelices,
que son desgraciadísimos,
que sofren o indecíbel.
Nós estamos con eles.
Por eles loitamos
na medida das nosas
poucas forzas.
Por eles,
por Galiza
ten verdadeiro
sentido
a nosa vida.
Proba documental (1968)
xoves, 21 de xaneiro de 2016
Solicitude sen reintegro
¿Por qué me encadeades?
Decídemo, homes.
Eu non vos fixen nada.
¿Por qué m esixides
partida de nacemento,
certificado de estudos,
diñeiro,
pasaportes,
moreas de papeis
que din sinxelamente
que existo
e que traballo?
Señores excelentísimos,
digovos nunha man a alma
e noutra a honorabilidade:
- "Eu nada sei.
Vallo pouquiño.
¡Deixádeme ser ceibe!
¡Deixádeme!
¡Pídovos perdón
e pídovos tamén
a liberdade...!"
Proba documental (1968)
mércores, 18 de novembro de 2015
Borrador para un poema épico
Borrador para un poema
épico
¡Ouh, os heroes! Sempre os
heroes
atestando libros e librotes
con feitos singulares,
grandeiros,
enormes, exemplares,
incríbeis!
(Libros que custan unha
fortuna
e que mercan grosísismos
burgueses:
dentes de ouro en
abundancia,
aneles de platino e máis
querida;
chalés, casas de campo;
e os volumes cheos de po
en luxosos estantes de
caoba).
Dóeme a alma ao enterarme
dos feitos
que os heroes realizaron;
choro ao ler con atención,
as súas fazañas
gloriosísimas.
Os heroes -tantos heroes-
sombras no po,
inútil loita;
figuras de cera, decoradas
con folla de lata e
purpurina.
Proba documental
(1968)
mércores, 26 de agosto de 2015
Auga e ceo
O verán achégase á súa fin: como non lembrarse do mar, ao que Manuel María lle adicou este poemiña tan sentido
O mar
O mar
Ti nunca viches o mar
cos seus berros bruadores,
cos barcos e os pescadores.
-¿Ti nunca viches o mar
a tecer i a destecer
ondas azuis que van
á praia mansa a morrer?
-¿E ti non sabes que o mar
é unha inmensa planura,
auga e ceo, ceo e auga,
maxestade e fermosura?
-¿Ti nunca viches o mar?
¿E sabes que non repousa?
-¡Si nunca viches o mar
non viches ningunha cousa!
Os soños na gaiola
(1968)
venres, 10 de xullo de 2015
Sempre pequenas grandes cousas
As pequenas cousas do día a día son o motivo principal desta declaración de principios, que Manuel María publicou no mesmo ano que o poema anterior.
Meditación transcendente
A vida é loitar,
sorrir
e desgustarse.
A vida verdadeira
é o posto humilde
que tenho no fogar,
o pan e o viño
que me costa
tanto esforzo,
tantos desgustos,
e as veces
tantas bágoas.
O cine e o café
tamén son vida.
As estrelas non sei
se serán vida:
están no ceo,
frías e lonxanas,
i a súa luz non
brilla case nada.
Por eso un non usa
a luz das estrelas
para alumarse:
confórmase
cunha sinxela
caixa de mistos,
cativos e baratos.
Proba documental (1968)
Etiquetas:
1968,
Meditación transcendente,
Proba documental
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
