Amosando publicacións coa etiqueta metapoesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta metapoesía. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de agosto de 2015

... froito do traballo?

Dándolle continuidade á liña temática da entrada anterior, cun ton máis lúdico que transcendente, están estes vesos, nos que o poeta da chaira finxe ter problemas coas musas:

Horario de traballo

Segundo se le no artigo 10 do Regramento,
apartado terceiro, quinto párrafo,
débese traballar de nove a unha
e de catro a sete pola tarde.
Eu coa miña Musa estou desesperado,
a miña Musa non cumpre o Regramento
nin tampouco o horario de traballo.
Terei que demandala. O xuzgador
ten que acordar que fique cesante
por sentencia firme, xusta, inapelábel.
Estón poñerei este anuncio nos xornais:
"Precísase unha Musa en bo estado,
pagaránselle pluses, vacaciós,
quinquenios, luz e máis criada
i unha paga de máis de cando en cando".

Documentos persoais  (1954)

mércores, 19 de agosto de 2015

A posibilidatadora da vida...

Na poesía de Manuel María existe unha liña temática de contido metapoético, moi vizosa. Fica aquí outra destas composicións onde desenvolve a súa concepción da propia actividade creadora:

Defensa da poesía

¡Ouh Poesía!
¡Raíña e dona!
Virxe endexamais
vendida nin luxada;
realidade
presentida somentes
que nunca se puido
acadar ou poseer
contra a súa vontade.
Don diviño e misterioso,
realidade dos soños:
aínda por ti
a vida
non é un imposíbel.

Remol (1970)

sábado, 11 de xullo de 2015

Metapoética

Escribir versos tiña un significado claro para o poeta da Terra Chá, por iso ten un número considerable de composicións nas que aborda o propio feito da creación literaria, por exemplo esta incluída nun poemario publicado seguindo a normativa da AGAL:

O poema

Um poema é um ser vivo que anda,
respira, sonha, chora, salouca,
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente ódio e ternura, dessangra-se,
fala de intimidade e intimidade
coas cousas e coa gente, sugere
mundos possíveis e impossíveis,
sua, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza. E nunca morre.

A luz ressuscitada (1984)