Amosando publicacións coa etiqueta Camiños de luz e sombra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Camiños de luz e sombra. Amosar todas as publicacións

domingo, 18 de decembro de 2016

O segredo da luz

SABEMOS que a terra é sempre pura.
A terra é mais que o home:
permanece inviolada anque ferida
e danos a cada ún de nós
un xeito de vida verdadeiro.
A terra ábrese amorosa e refléxase
na doce claridade dos nosos olIos
e métese, amorosa,
na escura imprecisión do noso ser
dándolIe sentido
á beleza mortal do noso espíritu.
O home pasa e a terra permanece.
¿Que sería un home sen beleza?
¿Que sería o home sen unha terra sua
para poder plantar o seu amor?
¿Quen, senón a terra,
fai real e posible o ensoño?
¿Quen determina o destino
mais que a terra que temos ó arredor?
Terra que me cingues, terra miña:
dime o teu segredo sen mancarme.
Sei que quen busca
a verdadeira luz pró seu camiño
percura o centileo
do inefable que hai sobor da terra.

Camiños de luz e de sombra (2000)


venres, 29 de xullo de 2016

Camiño escuros

Ti, amada, ollas como vou morrendo
en anacos pequenos cada día
e nada podes facer para reterme
á beira túa feliz e confiado.
O teu amor, amiga, vai enchendo
o oco escuro da miña soedade.
Tamén ti
vas morrendo un anaco cada día,
sentindo
ese tempo fatal que leva á morte.
¡Nada podes facer por min
nin eu por ti!
¡Dáme a túa mao doce e sinxela!
¡Dáme sempre a túa mao, amiga miña!

Camiños de luz e sombra (2000)

sábado, 26 de decembro de 2015

A voz moura

A dura voz do vento na alta noite
cecais é
a voz da morte que me chama.
A voz do río no inverno
cecais é
a voz da morte que me fala.
A sorrisa da flor que me namora
cecais é
a sorrisa da morte a namorarme.
A voz moura que levo en min como
unha sombra cravada na conciencia
e que me dá medo escoitar
cando me fala
¡cecais é
a palabra fatal que me ha matar!


Camiños de luz e sombra (2000)

venres, 27 de novembro de 2015

O soño verdadeiro

A vida é o único soño verdadeiro.
Nós só temos a vida.
E para que acade sentido
temos que lle dar quentura humana.
Para comprender cabalmente
precisamos que sobrepase
a medida cabal dos nosos soños.
Para ollala con algunha claridade
cómpre alumala
co noso amor máis acendido.
A nosa vida é nosa,
seméllase a nós mesmos,
mais céganos a soberbia
e impídenos asumir
a nosa vida real e verdadeira.
Velaí porque o noso deus só é
a fachenda humana deificada.
Por eso non ollamos
a claridade e a beleza do mundo
e andamos pola terra
coa nosa vaciedade entristecida.
Só cando a posesión da nosa vida
teña un sentido amoroso
a nosa choída intimidade
se abrirá á luz do corazón.

Camiños de luz e sombra (2000)

xoves, 5 de novembro de 2015

O país da infancia

A infancia é a patria verdadeira,
o país puro
no que os soños se cumpren.
Para un neno os homes son
seres estraños
e a morte non existe.
Existen grandes ríos misteriosos,
o medo que chega de súpeto coa morte,
a tenrura da nai
e cecais Brancaneves e os Reis Magos.
Cando un é neno
o soño máis sutil pode cumprirse.
Despois da infancia todo é escuro
e un xa non comprende a marabilla
sinxela e natural que hai no milagre.

Camiños de luz e sombra (2000)

domingo, 25 de outubro de 2015

Sempre a incertidume mortal

¿Onde está a morte? ¿Qué sentido ten?
Nada sei: estou chamando
a unha porta que só cando morra
poderei abrir. Morte e nacemento
determinan eso tan escuro
que chamamos a vida para entendernos.
Nacer non causa dor nin arrepío:
é abrir os ollos cara á luz do día
sen decatarnos de que
somos argumento do milagre.
A morte é un sopro que, dun golpe,
apaga a luz do existir.
¿Serán morte e non ser a pura nada?

Camiños de luz e sombra (2000)

martes, 8 de setembro de 2015

A loita final

No cabodano do poeta, un dos poemas da súa última obra, en concreto de "Carreiros de morte", onde amosa a proximidade da fin coa elegancia e calidade poética que o caracterizou:

Estou aquí e agora: instalado
nunha vida en precario,
nunha morte aprazada
que me cerca e que me vence,
dobregándome, retorcéndome
como a chama á corriza.
Invoco aos billóns de células
que están en min
morrendo e renovándose,
mudando este meu corpo
marabilloso,
ruín
e complicado.
Invoco tamén ao meu espírito
que procura unha luciña,
unha chama moi feble
que un entreviu un intre só.

Camiños de luz e sombra (2000)