xoves, 14 de abril de 2016

Pequeneiro lugar vexetal

Recentemente oín falar deste lugar que tanto facía pensar a Manuel María cando pasaba por alí cara Monforte, por estar abandonado: non só lle adicou este poema, senón que ambientou nel o seu relato "O Kriloi está no Cereixal".

Lembranza do Cereixal

Este lugar, unha aldea abandonada,
está ao pé da estrada
que vai a Quiroga por Freixeiro.
O pobo é pequeneiro
e ten un nome fermoso e moi cabal:
chámase Cereixal
e pertence á aldea de Nocedo,
terra de laxes e abicedo.
Como dixen, Cereixal está sen xente
e as casas desfanse lentamente.
As veciñas e veciños do lugar
denantes de marchar
eran, ao ben visto, carboeiros.
Estas terras quebradas,
sen pastos nin lameiros,
non teñen tampouco labradío.
Os veciños non podían manter
gado maior
e só tiñan ovellas e cabrío.
Eiquí eran a miseria e o non ter;
a pobreza e a dor;

a orfandade, a inseguridade, o arrepío,
o sentir a fame e máis o frío.
Un día esta xente tan sufrida
marchouse cara a vida.
Agora non sei onde están,
onde comen o pan.
Non sei si a vida trata ben ou mal
aos que foron pobres e sufridos
veciños do Cereixal.
Non sei si lembran tempos idos
e si levan ou non
no corazón
saudades e morriñas
destas terras pobriñas.
O único que sei
e adiviñei
deste lugar
é que del só se pode lembrar
o seu nome fermoso,
primoroso
e vexetal
no que canta a calandra e o pardal.

                                Versos para cantar en feiras e romaxes (1969)






Ningún comentario:

Publicar un comentario