sábado, 9 de abril de 2016

Lembranza doutros tempos

Hoxe unha tribo de camiñantes percorre as terras do Val de Quiroga, facendo un roteiro que segue as referencias toponímicas de Manuel María no libro de sonetos que lle adicou á que fora terra da súa avoa materna. O percorrido da andaina iníciase en San Clodio:

Ribas do Sil, lembranzas dun mosteiro,
puro silencio que o ar cerca o sostén:
¡tés a paisaxe partida polo tren
e sorrís no setembro vendimeiro!

Se unha soidade che vai outra che vén
mentres no Sil se afoga algún luceiro.
O tempo vai pasando algo tristeiro
por camiños que chegan sen ninguén.

Contemplas mudo o monte e o abicedo,
dun xeito cotidiano e indiferente,
porque sabes moi ben que sempre é cedo.

Mentres cantan os ventos no arboredo
ollas pasar a vida mainamente
sen ter unha esperanza ou sentir medo.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

Ningún comentario:

Publicar un comentario