luns, 1 de febreiro de 2016

O mestre de versos

Manuel María lembrou sempre ao home que lle ensinou a compoñer versos, Manuel de Paderna, quen traballaba na casa familiar do poeta chairego. Hoxe na Casa Museo en Outeiro de Rei hai un retrato do home que lle achegou a cultura popular a aquel rapaz inquedo que sería unha das grandes voces poéticas galegas do século XX. Manuel fíxoo presente en composicións tan fermosas como esta:

Pranto por Manuel de Paderna

Manuel de Paderna, mestre,
poeta do noso pobo,
¡castiñeiro ben frondoso
e carballo sen renovo!

Outeiro quedou moi pobre,
a xente murcha e tristeira,
¡que lle falta o seu cantor,
a súa voz máis verdadeira!

¿A onde fuxiu a beleza
e a gracia da poesía...?
¡Andamos orfos de versos
e faltos de fantasía!

Xa non temos a ninguén
que improvise unha canción,
que nos achegue ao sentimento
e nos abale a emoción.

Manuel de Paderna, amigo,
nobre cantor popular:
¡o vento chairego garda
a paixón do teu cantar!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

Ningún comentario:

Publicar un comentario