mércores, 24 de febreiro de 2016

No día da poeta

A Rosalía

Hoxe conmemórase o nacemento de Rosalía de Castro; Manuel María adicoulle o poema "A Rosalía" (Mar Maior, 1963), que comeza dicindo:

"¿Que fas aí, en noite eterna, entre as estrelas
coa túa negra sombra acesa en tebra...?"

Porén, hai outro poema moi interesante no que fai referencia á súa figura, vencellándoa a Santiago de Compostela. Fica aquí extractada esta composición:

Santiago de Compostela, alma do mundo:
non podo ollarte enteira
no teu silencio claro e amoroso de campana
que chora sobre o corazón do mundo
e sobor do teu propio corazón cuberto de aves [...]

[...] Santiago de Compostela, alma de ti o do teu pobo:
¿que fantasma te habita eternamente?
¿Que luz cha dá a claridade?
¿Que arcanxo vive a garda as túas fronteiras?

[...] Aí estás Compostela, sempre miña,
téndote a ti mesma, aluado corazón,
na túa alma, no teu sangue e na túa carne.

[...] Compostela, alma dun pobo que chora, sorrí
e que te ama.
Santiago de Compostela, noiva da morte,
nas túas rúas de pedra,
nos teus ceos de pedra,
no teu ser de pedra e lume,
no teu ollar de boi feito escultura,
no teu deus lonxano, fondamente perdido
aboiando no teu soño de séculos.

Compostela da morte, da choiva e dos pregos
sempre a buscar a Rosalía que cante as túas campanas,
a túa alma e os teus anxos inquedos.

Compostela, dime dos teus beizos:
¿por que
me fas sentir como unha morte a túa saudade...?

Poemas a Compostela (1993)

Ningún comentario:

Publicar un comentario