venres, 7 de agosto de 2015

Silencio?

Anxo de silencio

Anxo de silencio nas miñas maos de terra,
vivindo en chama apaixonada,
en voz de melro que canta nas silveiras;
eu óllote na noite como un paxaro morto,
como o cabelo dunha nena triste
que agonizou e fíxose aire.
Anxo de silencio, amigo, róesme as entrañas.
Ao teu redor é todo sombra,
medo a unha campana que non se pode tanguer,
a una morte que arrepía ás cousas.
Anxo de silencio, que vives no trasmundo
enloitando o teu corpo con vieiros sen luz:
aínda tés o cadáver dunha rosa.
Anxo de silencio sen canción:
estás na túa humildade como un verme
maldicido por Deus eternamente.

Mar Maior (1963)

xoves, 6 de agosto de 2015

Dous amores ata o fin dos tempos

Este soneto pecha o poemario que o autor adicou á casa patrucial en Outeiro de Rei, coñecida como "casa de Hortas":

Agora, que gastei os meus outonos
e ben entrado xa no propio inverno,
acredito no fugaz e no eterno
e só me asusta o raio, non os tronos.

Un, dende fai moitos anos, comprendeu
qie todo é asegún e relativo
e ninguén é tan bo nin tan cativo
nin podemos prescindir do propio eu.

Gardo dentro de min toda a fragancia
dos amados rincós da miña infancia
e os recendos que tiña a vella casa.

Foi chama o meu amor. Agora é brasa.
Saleta sempre. Perdón pola arrogancia:
"A luz é poderosa. A tebra, escasa".

Sonetos á casa de Hortas (1997)

mércores, 5 de agosto de 2015

Alma de terra

Dous poemiñas maxistrais do libro que Manuel María lle adicou nominalmente á chaira musicados por Uxía en "Andando a terra": o primeiro, moi coñecido, foi feito seu polo pobo; o segundo, é absolutamente complementario na súa visión dese espazo mítico.

Terra Chá
A Terra Chá somentes é:
un pobo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

Dimensiós
Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
¡ferrados de corazón, fanegas de alma!

Terra Chá (1954)

martes, 4 de agosto de 2015

Música fuxidía

Elexía por unha canción

Fuxiume non sei de que xeito
nen pra onde. Aquela canción
era unha mañanciña de maio,
a ave que cantou asombrada
no mencer feliz do paradiso,
a virxindade do mundo
e a da vida, a palabra
esencial, a luz máis clara,
a rosa perfeitísima,
a compaña total: a sagrada
frecha, mensaxe dun deus,
que me feriu, pra sempre, no
xusto lugar que máis me doi.

As lúcidas lúas do Outono (1988)

luns, 3 de agosto de 2015

Os tempos son chegados

Compre afogar as bágoas,
bebelas si é preciso.
É urxente que a carraxe
nos acenda, que o seu
lume queime os nosos
prexuicios, a nosa vella
mansedume de bois cansos.
Compre que a nosa carraxe
coletiva -agora non
estamos para gaitas-
incendie, queime, purifique
o eido abandoado, ermo,
cuberto de silveiras
i herbas ruís que é
a nosa terra.
Despois
de feito o gran fumazo
hai que volver arar
a terra con potentes
tratores; logo, estercala.
Entón é o tempo de espetar
ben no fondo de todo,
a semente escolmada.

Versos para un país de minifundios (1969)

domingo, 2 de agosto de 2015

Terras bicadas polo Miño

Aquí queda o principio deste poema onde o poeta chairego percorre de vagar as terras que atravesa ese camiño de auga que é o Miño:

Terras

Terras ledas, caladas humildes e amorosas
feitas a rella de arado e pan centeo,
de homes escuros que vos aman
deica darvos a vida sen protesta,
queixa, blasfemia, maldición ou laio.
Terras polas que o Miño pasa silencioso:
aínda que vos bica non vos falou de amor,
nunca vos dixo a doce tenrura que leva
chantada como un coitelo nas entrañas.
Terras pacientes, sinxelamente boas,
ás que Abril agarima en vento maino:
dádeslle ao Miño todo o voso amor.

Baltar, Pacios, Liñares, Triabá, Lugo,
Ponte Vilar, Sinoga, Rábade, Mirapeixe,
Outeiro de Rei, Martul e Asteriz...

O Miño, canle de luz e néboa 1996)

sábado, 1 de agosto de 2015

Ruindade da materia

Aínda que teñamos o alento da vida e a sorte nos permita cruzarnos con presenzas marabillosas -como o propio Manuel-, os seres humáns somos perecedeiros:

Rondó da transitoriedade

Nós sabemos que somos transitorios,
unha música maina e pequeniña
que remata perdéndose
nun alén incerto que ignoramos.
Non importa que as azas dun anxo
pasen rozando levemente,
con delicadeza e unción,
a nosa materia rude e imperfecta
se a pústula do odio nos posúe
e os seus vermes verdes e viscosos
rematan devorando a nosa vida.

Compendio de orballos e incertezas (1991)