martes, 14 de xuño de 2016

O regato que non quixo emigrar

Meu regato do Cepelo,
fillo do Trollo da Agüela,
¡faste mociño nas Regas
e vas morrer á Barciela!
Meu regato do Cepelo,
tan soedoso e esguío,
¡feble como un salouco,
fraco como un asubío!
Meu regato do Cepelo
xogoral e cantador,
¡amigo da cotovía
e curmao do reiseñor!
Meu regato do Cepelo
ti tiveche dous roulós,
¡dous muíños muiñeiros
moendo graos e canciós!
Meu regato do Cepelo
de afortunado caudal:
¡levas árbores e nubes
copiados no teu cristal!
Meu regato do Cepelo:
amas tanto ao teu lugar
¡que naciches en Outeiro
e non quixeche emigrar!
Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

luns, 13 de xuño de 2016

Canción dos tratantes de Maside

Os tratantes de Maside
dende xaneiro a xaneiro:
¡andaban todas as feiras,

corrían o mundo enteiro!
Os tratantes de Maside,
os tratantes masidaos:
¡usaban blusa e sombreiro
ao xeito dos castelaos...!
Os tratantes de Maside
gañábanlle aos maragatos:
¡eran xente de boas falas
e moi legales nos tratos!
Cancioneiro do Orcellón (1984)

domingo, 12 de xuño de 2016

Canción da Eira das Flores

Eira de Flores, xentil,
labradora e feireante,
engado puro e sutil
entre quedo e camiñante.

Tes o hórreo e o cruceiro,
unha rúa toda en costa,
moita xente no estranxeiro
e preguntas sen resposta.

Eira de Flores, amiga
da Fonte Municipal,
como relembras a espiga
de louro trigo candeal!

Eira de Flores, ti sabes
dos afás dos arrieiros,
do desamparo das aves
e do brillar dos luceiros.

Ti es xa o tempo ido,
a lembranza máis acesa.
Corazón estremecido!
Saudade carballinesa!

Cancioneiro do Orcellón (1984)


sábado, 11 de xuño de 2016

Canción do templo da Veracruz

Na vila de Carballiño,
un bosque de pedra e luz,
nube, silencio, camiño:
o templo da Veracruz!

Voltouse a pedra oración,
arte dos tempos vindeiros:
aquí quedou a canción
dos martelos dos canteiros!

As vellas arquitecturas
fixéronse arte moderno.
Que liñas firmes e puras!
Que sensación do eterno!

Que soño endexamais visto
sen tempos e sen espacios:
a fe de don Evaristo
e os delirios de Palacios!

Cancioneiro do Orcellón (1984)


venres, 10 de xuño de 2016

Non abonda a flor

Responso desesperado

Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro
cando o po noxento -terra inmunda-
nos enfoula ao longo do camiño sen sentido que é a vida,
cando nos enfoula a chaga miserábel
que todos temos moi pechada no canto máis perdido da alma.
(Falo desa chaga cínica que está feita
con todos os pequenos e intranscendentes segredos,
coas blasfemmias fortes cortadas en flor,
coas mentiras grandes e pequenas disfrazadas de bondade de algodón,
e co odio que a todos nos arrastra poderosamente).
Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro
canto todos ardemos de luxuria,
cando cheos de histerismo e desacougo
nos gustaría maldicir de nós mesmos
e facer moitos crimes para adornar a existencia.
Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro
para pechar as feridas que levamos no corazón,
para cerrarmos os beizos cando insultamos a Deus,
para facernos inútiles cando queremos rachar
os nomes de cartón que nos tolean,
para cando xa non distinguimos o luar dos luceiros.
Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro [...]

Advento (1954)

xoves, 9 de xuño de 2016

O violín da fraga

           Fábula

No mesto silencio de Almendrá a fraga
é un violín saloucando nostalxias
cecais as que perdeu o merlo aquel
que falaba cos toxos e coas xestas

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

mércores, 8 de xuño de 2016

As cousas

Teño usada moita vida
en ollar, observar
e interpretar a fala
opaca, escura,
enigmática das cousas.
Nunca se entregan
doadamente. Precisan
amor e un tempo lento
e íntimo. Non se dan
enteiras. Só deixan
ollar anacos mínimos
do que son,
dun xeito
escuro e lostregante.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)