venres, 31 de xullo de 2015

Recoñecemento ás mulleres galegas

Este é un fragmento da primeira parte do seu Poema á muller galega, no que pon en valor ás mulleres anónimas que foron as grandes esquecidas no eido cultural, malia teren sido sustentadoras da cultura material e inmaterial desta terra:

As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polos poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,
sonetos perfetísimos
a donas que falan en galego,
que son a forza do pobo,
porque non teñen xeitos requintados,
deprendidos en colexos elegantes,
nin vestidos fermosos,
nin frases retorneadas
- nunca foron á escola,
nin alternaron tampouco en sociedade -
i as súas maus non se semellan
ás azas dos paxaros,
nin teñen soavidades de veludo:
están encallecidas polo traballo,
son duras como as pedras,
só tenras pro garimo,
con soavidades de mel
pra perdoar e comprender,
pra sementar tenrura e máis amor,
pra arrincar odios.

Remol, 1970



xoves, 30 de xullo de 2015

Consello para extraterrestres

Vai hoxe -por seguir tristemente vixente- unha das composicións que o autor encheu de sorna lingüística:

Renunciade á vella lingua
que nos ven tan de lonxe,
tan do fondo, luída con amor
xeneración tras xeneración,
soporte do noso esprito,
flor do noso sentimento,
fonte da que agroma
o cachón potente do pensar.
Renunciade á vella lingua,
a creación máis xenial
do noso pobo, a cunca
sacra que garda a fonda
e total plenitude do noso ser.
Renunciade á vella lingua,
dádevos ás framenquerías
i os amos quedarán
pra sempre satisfeitos:
veredes que ben
vos han de pagar
co seu desprecio.
Renunciade á vella lingua,
a fala nai, e seredes
entón máis señoritos,
seredes máis "castizos".


Renunciade á vella lingua
-aínda que non sei como
faredes para borrar ese
escuro acento delator-
e quedaredes capados:
son as palabras precisas
pra aquecer o corazón,
para espresar de verdade
o que vós sodes.
Renunciade á vella lingua
que dende séculos ven
mamando o noso pobo
e quedaredes envoltos,
sulagados
na tebra e na impotencia.
Quedaredes mudos,
sen a palabra
que aluma e revela.

Versos para un país de minifundios (1969)

mércores, 29 de xullo de 2015

Paisaxe de Outeiro

Terra rasa coma a palma aberta
e núa dunha mao, doada
para os ventos que te agallopan
tolos, ceibes e veloces.
No horizonte de Martul,
o Cordal de Chinto redondo,
suxerente e femenino faite
soñar con un azul fantástico,
inconsistente e esvaído
e acénache co fino cendal
das néboas súas. Pro ti
non soubeche nunca se o seu
xesto ambiguo e indeciso
é unha chamada ou un adeus.

Ritual para unha tribu capital de concello (1986)

martes, 28 de xullo de 2015

Plusvalía do inútil

Lonxe de ser un literato fachendoso que sobrevalora o que escribe, Manuel María non dubida en manifestar que os versos son infinitamente menos transcendentes que a realidade da que falan, e nin por iso desiste no seu afán de creación poética...
... o valor está no feito mesmo da escrita, na paixón que percorre ese camiño de palabras.

Sei o que vale un verso

Sei que todos os versos do mundo
non valen o que vale un home,
o que vale o berro dolorido dunha nai,
o bico apaixonado dos amantes
ou o tenro recendo dunha flor.
Sei que os versos non valen
pero sigo escribindo sen parar.
Sigo escribindo con carraxe,
entusiasmo e paixón
por se acado algo de poesía
‐unha folliña só que move o vento‐ 
entre a faramalla das miñas
pobres verbas desnortadas.
Un verso nunca vale
o que vale o chío dun paxaro,
nin ten a forza dun río
ou o poder arrepiante dunha bala.
Pero eu sigo fidel, encadeado
á música amorosa das palabras.

Remol (1970)


luns, 27 de xullo de 2015

Máis pingas de luz

Outro pequeno poema da serie que conforma "Os cavalinhos-do-demo" (normativa AGAL):

               3
Cavalinho-do-demo: ninfa
que foche caravel
em jardins subaquáticos.
Laios xurdido á luz
estremecendo
a virginidade
da água saloucante.
Pétalo que vás
sobre as ondas:
navegante solitário
cara as ilhas
incertas da lembrança.

Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986)

domingo, 26 de xullo de 2015

Aos que veñen

Neno

Eu sei que vés da noite e que non traes
quentura de abondo no teu corpo,
garnido de nebra e de latexos.
Xogas coa luz e coas camelias
e as nubes son para ti coma unha nai
que che conta mil contos para arrolarte.
Eu sei que vés da noite.
Na noite brilla o teu corpo
coma un ar novo que ignora os romanceiros.
¿Que sabes ti dos lirios
e das pombas...?
Nin tan sequera podes adiviñar
que traes uns coitelos aguzados
no teu sangue tan feble.
¿Diranche as cousas a súa música
esencial?
¿Que pensarás ti das cousas, meu reiciño?
Eu sei que vés da noite e que a luz
aínda é para ti un pasmo novo.

Advento (1954)


sábado, 25 de xullo de 2015

O pobo

Nun día coma hoxe, acae ler este poema do Manuel de Hortas para non esquecer o que somos:

O pobo é invencíbel.
O pobo é o eterno:
unha marea cambiante
e sempre igual;
un outro mar
que canta, chora,
cala, berra
e enfurécese.
É inútil loitar
contra o pobo.
É inútil querer
asoballalo: sempre
rexurde renovado
limpo, virxe, inocente
e incontíbel.
A súa forza é inesgotábel.
Pasan os tiranos
i o pobo sigue en pé,
ergue a súa testa,
eternamente
xoven e fermosa
pese a que
a quixeron afogar
en océanos de sangue.
O pobo sempre procura
de novo, por instinto,
os camiños que o levan
cara a súa
inalienábel
e definitiva liberdade.

Versos para un país de minifundios (1969)