domingo, 31 de xaneiro de 2016

A romaría de Outeiro

A romaría da Santa Isabel na claridade
deslumeante do ardoroso xulio,
denantes de comezar a dureza
e a ledicia da seitura, conmovíate
dun xeito sutil e imperceptíbel.
A música das bandas mesturábase
co lento e xordo salmodiar do Miño.
Ti, Outeiro de meu, enfeitizábaste
con faroliños de papel e con
chillonas bandeiras estranxeiras.
A xente comía e bebía en exceso
dun xeito ritual, cunha tristura
solemne e moi anterga. A mocidade
acendía unha ilusión calada
e pequeniña. Os rapaces corrían
detrás das canas dos foguetes.
Despois da romaría quedaban polo chao
lixos, os papeis multicores dos farois
e as bandeiras, que un vento tormentoso,
misteriosamente, levaba cara á nada.

Ritual por unha tribo capital de concello (1986)

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Saleta na casa de Hortas

Hoxe algúns e algunhas andamos a chaira seguindo as referencias poéticas de Manuel María a diferentes espazos localizados nesa comarca lucense. Esta andaina vai quedar recollida en distintos poemas que irán aparecendo aquí. O percorrido iníase, como non, na propia Casa Museo, lembrando o encontro da vivenda dos Hortas e a compañeira vital do poeta, Saleta:

Cando Saleta entrou por vez primeira
na casa petrucial dos vellos Hortas
abríronse, por si, todas as portas
e emocionáronse o cedro e a nogueira.

E, con Saleta, chegou a Primavera
e deulle nova vida ás seivas mortas
que rebentaron, pasmadas e absortas,
enchendo de luz e neve a horta enteira.

E toda a casa sorriu agradecida.
Semellaba unha flor a súa sorrisa:
a rosa máis ruborosa e acendida.

Saleta, silenciosa e conmovida,
sentiu no corazón a mao da brisa
e como entraba a casa na súa vida.

Sonetos á Casa de Hortas (1997)

venres, 29 de xaneiro de 2016

Fisterra

Cheguei a Fisterra, alí onde
o sol desmaiado e silandeiro
morre no mar como unha bágoa.
Todo o peso da lenda
cae no meu corazón:
tal unha pedra
no escuro noitébrego dun pozo.
Ollo pasar o vento
purísimo e espido:
a súa voz é laio arrepiado
na imprecisa néboa do meu ser.
Cheguei ata Fisterra,
fin do mundo:
aquí
o tempo inmobilízase
e a vida comeza a súa
inexorábel conta cara atrás.

Versos do lume e do vagalume (1982)

xoves, 28 de xaneiro de 2016

Encrucilladas

Toda a miña tribo sementada está
de encrucilladas que non teñen
o agarimoso consolo dun cruceiro,
nin o amparo dun humilde retábulo
das ánimas. Camiños vellos,
tortos, dubidosos: non se sabe
se levan ou se traen, se van
ou se veñen, a quen traen
ou levan. E un queda inmóbil,
caviloso, estantío, sen saber:
cos nidios soños seus calados
na enigmática cruz da encrucillada.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

mércores, 27 de xaneiro de 2016

Sementeira


Na agra a luz é lene e apardada.
Vai ser a terra sementada.
Andan unhos homes a botar a anada.
Outros, cos bois, fan a sucada.
A terra déixase abrir, muda e calada.
O sucos son xeometría namorada:
homes e bois non saben nada...
¡As labandeiras na terra traballada
andan por entremedias da xugada!

Terra Chá (1954)

martes, 26 de xaneiro de 2016

Outro da Gabriela Maira Roibás


VIII

¡Estou na vida e non sei
cal é o torto ou o dereito!
           ¡Ai!
¡Escuros veos de sombra
fanme ignorar de onde veño!
           ¡Ai!
¡A miña infancia perdida
nun tempo que xa non lembro!
          ¡Ai!
¡Son unha moura soidade
chea de pasmo e de medo!
           ¡Ai!
¡Tan soio a luz do amor
aluma a vida que teño!
          ¡Ai!
¡Ando perdida na vida
como unha folla no vento!
           ¡Ai!
¡E o misterio non desvea
a ninguén o seu segredo!
          ¡Ai!
Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

luns, 25 de xaneiro de 2016

A hora da liberdade

Canción da hora do toque das sereas

Nas fábricas tocan as sereas
anunciando a saída
cara a vida,
rachando as cadeas
que levamos metidas deica as veas
e que nos atan ao traballo cotián
que trocamos por pan
que nos xunguen ao suor,
á dor,
ao accidente traidor.
Os toques das sereas traen a liberdade,
a verdade,
a volta ao fogar,
a dignidade
na que un sinte medrar
o gozo de ser home enteiro,
verdadeiro
e cabal
e non un pobre obreiro
con mínimo xornal.
Os toques das sereas son
a liberación
da producción
en honra e proveito do patrón.

Canciós do lusco ao fusco (1970)