xoves, 1 de xuño de 2017

O saúdo dos altos cumes

Nestas soidades nidias do Xistral,
na compaña de nubes e lavercas,
veciño do Cadramón e a Pena Guía,
ollando o nacemento do Masma,
do Eume do Landrove, eu só son
unha palabra, un chío, un case nada
varrido polo vento e a chuvia.
Desde aquí adivíñanse e saúdanse
os altos cumes da Galiza:
Pía-paxaro, Pena Trevinca, Faro,
Pico de Avión, Pena Corneira,
Serra de Meira, Ancares, Manzaneda,
singular e senlleiro Pico Sacro
ferido polo lóstrego e a lenda.
Teimo e cismo no Cristo de Fisterra,
no San Andrés de Teixido,
na Nosa Señora da Lanzada,
na Santa Marta de Ribarteme,
na Santa Isabel de Outeiro de Rei,
na Señora Saleta de Astureses,
na Virxe da Barca e no Corpiño.
Enchenseme de brétema as lembranzas
e unha nube inmensa de tristura
cae, como unha sombra, nos meus ollos.
Sinto a acesa canción dunha laverca
coa súa voz de luz e terra namorada:
trátase da ave prodixiosa que
canta, desde o século trece,
na inesquecíbel cantiga do Rei Sabio.

Versos do lume e do vagalume (1982)


Ningún comentario:

Publicar un comentario