luns, 7 de setembro de 2015

A voz que sempre clamou

De seguro que Manuel María estaría apoiando aos que se loitan na rúa ante a inxustiza. Algúns dos versos máis reivindicativos de Manuel María compoñen Aldraxe contra a xistra, que comeza así:

Tiña que ser precisamente eu:
a voz máis feble e cativa
que deu o noso pobo,
a menos autorizada e harmoniosa
a que clame na tebra,
no deserto,
no ermo e no baleiro.

Sobor desta terra vella,
raigaña de onde vimos
dende a orixe do tempo,
lembro a historia dos meus
que sucumbiron ao ferro
dos conqueridores,
ás razóns dos poderosos,
á avaricia dos máis fortes.
A historia do meu país,
as dores da miña matria,
os días do meu pobo
son un suma e sigue,
unha conta aberta
e non saldada [...].

Aldraxe contra a xistra (1973)

domingo, 6 de setembro de 2015

Agora que os gandeiros están nas rúas defendendo o seu, non está de máis lembrar algunha das moitas composicións poéticas de Manuel María en relación cos labregos e a súa forma de vida. Aínda que quizais o máis coñecido sexa o poema "Labrego" incluído en Os soños na gaiola (feito popular por Fuxan os Ventos), aquí quedan os primeiros versos doutro publicado posteriormente:

O labrego

Un labrego tan só é unha cousa
que case non repousa.

Da sementeira a seitura
pasando pola cava,
a súa vida é moi dura
e moi escrava.

Sempre trafegando,
arando,
sachando,
mallando,
gadañando,
percurando o gando.

Sempre a ollara parao ceo
con medo e con receo.

Sempre a sementar ilusión,
poñendo na semente o corazón,
para colleitar pobreza
e máis tristura [...]

Versos para cantar en feiras e romaxes (1969)

sábado, 5 de setembro de 2015

O propio abismo

Ollar cara á esperanza, sen deixar de verse no gume da navalla: este é o paradoxo da humanidade.

Canción para andar polo mundo

Un quixera abrise á ledicia
como se abre a flor
á luz do sol.
Un quixérase abrir
e sorrir
a todo o mundo
se non houbera delatores
e traidores.
Un vai rodando pola vida
gardando a súa verdade
na escuridade
da propia intimidade.
Un vai polo mundo
mudo, calado
e resignado.
Un vai por un mismo
ollando, arrepiado,
o propio abismo.


Canciós do lusco ao fusco (1970)

venres, 4 de setembro de 2015

Corpos deshabitados

A incertidume á que está sometida cada persoa ao longo da súa vida, máis abafante nuns momentos que noutros, fainos sentir, ás veces, ocos por dentro. Este poema de Manuel María ilustra ben esa desagrable sensación que nos invade de súpeto:

Rondó da alma ausente

Ás veces acontece que nos fire
un lóstrego súpeto.
                                  Entón
a nosa alma, acovardada, fuxe
moi lonxe de nós mesmos,
deixándonos orfos e baleiros,
habitando nun pasmo,
no país lonxano das ausencias.
E cando a alma, desnortada,
ao fin, retorna a nós:
dóelle acostumarse novamente
a este corpo baleiro e solitario.

Compendio de orballos e incertezas (1991)


xoves, 3 de setembro de 2015

O artista cando deixe de ser novo

O autor, de novo, anticipou un posible retrato -indesexable- de si mesmo cando fose un home de mediana idade. Non atinou, do que debeu estar ben satisfeito...

Manuel María aos 45 anos

Algún día cecais chegue a ser
-Deus non mo permita-
un morto profesor de Historia,
de Literatura ou de Filosofía
e terei que poñer ceros
a rapazas xeitosas, con coxas
de non vencidas plumas
e seos de ritmos sensitivos.
Os meus amigos, ao ollarme pasar,
cecais me paren, pra dicirme:
"Manuel María: ti es unha momia
que vives a cen légoas desta vida..."
E eu marcharei insensibelmente
paseando a ridícula
caricatura de min mesmo,
escribirei poemas ben medidos,
estarei ás 9 en punto no instituto
e diranme os meus alumnos
ao atoparme no paseo vespertino:
"Boas tardes teña vostede,
don Manueliño..."

Morrendo a cada intre (1952)

mércores, 2 de setembro de 2015

Ser terra ao fin

Outra declaración de amor do poeta de Outeiro de Rei ao seu lugar de orixe, recollido na entradiña do texto "A espingarda do Vagancias", recentemente publicado pola Fundación Manuel María, aínda que formaba parte do poemario que o autor adicara a súa localidade natal (Ritual para unha tribo capital de concello):

Ámote, Outeiro, como non amei
terra ningunha. a luz que
escintila nos meus ollos
de lonxe vén e ti ma deches.
Devolvereicha un día para que
poidas alumar, co seu breve
fulgor amortecido, a túa
gris lembranza agoniante.
Quedarei inmóbil, cego e nu.
Vento serei entón: bágoa, laio
e levísimo rumor atristurado.

A tribo ten catro ríos (2015)

martes, 1 de setembro de 2015

Recordo de lume

Cambiou o tempo, xusto hoxe que tiven a sorte de botar unhas horas nunha vella lareira da Terra Chá, moi preto de onde está hoxe a casa Museo de Manuel María. Estes versos son o tal para a ocasión:

Elexía polo lume das vellas lareiras

Foi un tempo feliz cando un podía
ollar a chama irmá iluminando
o lar, gozar do seu prodixio
de arco da vella encadeado,
escoitar a súa música amorosa,
comprender as súas palabras
misteriosas, ledas e ancestrais
que tiñan a sabedoría secular
que foron acumulando os defundiños.
Era un tempo feliz cando as nidias
fogueiras nos quentaban por fóra
e máis por dentro. E non deixaban
enfriar a lembranza emocionada
-¡ouh meus amados lares e penares!-
dos entrañabeis deuses familiares.

As lúcidas lúas do Outono (1988)