domingo, 7 de febreiro de 2016

Feiras

¡Hei de ir á Feira do Monte,
á de Rábade e á de Castro!
¡Hei de ir á Feira do Monte
anque teña que ir de arrastro!

Despois, se o tempo deixa,
a Moimenta irei mercar.
¡Vendín en Vilalba a Teixa,
quedei sen vaca para arar!

¡Hei de ir á Feira do Monte
que é pró domingo que vén!
¡E ti, miña dona, disponte,
que te hei de levar tamén!

Terrá Chá (1954)

sábado, 6 de febreiro de 2016

Patrona da Terra Chá

Á Virxe do Monte, patrona da Terra Chá

Virxe do Monte, Raíña,
Patroa da Terra Chá:
¡Olla a soedade miña
que morro de señardá!

Eu algo teño no peito,
non debe ser cousa boa.
¡Téñote lonxe, en Cospeito,
con saudades da Lagoa...!

Estás ollando amorosa
con olliños de abelaira
a miña terra fermosa
na soedade da Chaira.

Eu estou lonxe, Señora,
agora vivo en Monforte.
¡E penso en ti cada hora,
miña estreliña do norte!

Terra Chá (1954)

venres, 5 de febreiro de 2016

Torres e pazos

Espazos míticos da memoria que se desfán pedra a pedra... Visitalas é revivir a historia, e mais no caso de Caldaloba, na que habita aínda a lembranza de Constanza de Castro, filla do mariscal Pardo de Cela

¡Ouh Torres de Sobrada e de Taboi!
¡Castelo da Caldaloba nomeado!
¡Símbolos dun tempo que xa foi!
¡Testemuñas dun tempo xa pasado!

¡Ouh Torre de Vilalba, tan airosa,
raíña de toda a Terra Chá...!
Agora estás triste e pesarosa:
¡lembras a túa gloria doutra idá!

¡Pazo de Sistallo! ¡Arquitectura!
¡Milagre de pedra e de beleza!
¡Que feitura fermosa, xusta, pura!
¡Que alta nobreza a túa nobreza!

Menos Sistallo, todas esbroades:
torres vellas, silandeiras, soias.
¡Solar dos Aguiar e dos Andrades,
niños agora de curuxas e de choias!


Terra Chá (1954)

xoves, 4 de febreiro de 2016

Cruceiros chairegos

Poemiña aos cruceiros da Terra Chá

Cruceiros da miña terra:
¡faceis á pedra evanxeo,
vos desolada que berra
querendo chegar ao ceo!

Cruceiros desamparados,
tan soio luz e oración,
¡e non varales labrados
os símbolos da Paixón!

Cruceiros excepcionales:
¡sodes irmaos dos sartegos,
lanzales e orixinales,
dos camposantos chairegos!

¡Marabillosos cruceiros
feitos coa emoción humán
dos soños máis verdadeiros
dos canteiros de Román!

Terra Chá (1954)

mércores, 3 de febreiro de 2016

Penas de Rodas

Penas de Rodas: asombro que sempre
ten marabillada á miña xente:
teima á que volto cada día;
fantasía dos meus soños de neno
coa lenda da pena de ouro
e a pena de alcatrán, capaz
de rematar coa terra polo lume;
enormísimos ollos xigantescos
cos que se olla a si mesma
a Terra Chá; círculos astrais
redondos e perfectos como o mundo;
pedras sacras, unxidas algún
día, co sangue novo e ritual
dos sacrificios; aí estades
mudas, caladas e impasíbeis
en loita cos ventos, choivas,
neves, xistras e xeadas, dando
testemuño de que quen ten vontade
de ser e de existir é invencíbel,
¡ouh Penas de Rodas que velades
o espírito ancestral da miña tribo!


Versos do lume e do vagalume (1982)

martes, 2 de febreiro de 2016

Ao regato do Cepelo

O pequeno e humilde regato do Cepelo,
que nace e morre na miña propia tribo,
ten a sutil fraxilidade dun salouco,
o delicado arpexio máxico dun chío
e pasa, como unha canción de amor,
rozando e agarimando á terra lene,
pura, estremecida e alertada.
A incríbel levedade da súa auga
faise fidel espello para levar consigo
a miña imaxe: única eternidade
que a piedade dos deuses me concede.

A luz resucitada (1984)

luns, 1 de febreiro de 2016

O mestre de versos

Manuel María lembrou sempre ao home que lle ensinou a compoñer versos, Manuel de Paderna, quen traballaba na casa familiar do poeta chairego. Hoxe na Casa Museo en Outeiro de Rei hai un retrato do home que lle achegou a cultura popular a aquel rapaz inquedo que sería unha das grandes voces poéticas galegas do século XX. Manuel fíxoo presente en composicións tan fermosas como esta:

Pranto por Manuel de Paderna

Manuel de Paderna, mestre,
poeta do noso pobo,
¡castiñeiro ben frondoso
e carballo sen renovo!

Outeiro quedou moi pobre,
a xente murcha e tristeira,
¡que lle falta o seu cantor,
a súa voz máis verdadeira!

¿A onde fuxiu a beleza
e a gracia da poesía...?
¡Andamos orfos de versos
e faltos de fantasía!

Xa non temos a ninguén
que improvise unha canción,
que nos achegue ao sentimento
e nos abale a emoción.

Manuel de Paderna, amigo,
nobre cantor popular:
¡o vento chairego garda
a paixón do teu cantar!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)