luns, 7 de marzo de 2016

Prego

Reconcíliome coa pureza da auga,
co misterio tremente da fraga,
coa terra, as nubes e as estrelas.
Pídolle ao lume que alcenda,
no meu corazón, unha chama
dourada como o sol de Outono
para que a miña vida sexa
un calorciño humano, doce e fermoso.
E cando un vento xeado mate
a feble luz da miña vida
prégolle á lúa que me envíe
unha raiola nidia, azul e branca.

A luz resucitada (1984)

domingo, 6 de marzo de 2016

Memoria da auga

Fala o arado

Eu, arado, para mancar a terra,
para fenderlle a entraña,
para que o trigo e o centeo nazan.
Eu, arado vello, non lembro
o tempo no que viñen ao mundo
para facer humildemente
a deitura dos sucos
polosque imparabelmente corre
a seiva e a vida da campía.

Eu, arado vello, fun carballo
erguido, potente e estantío
e nacín á beira do Pai Miño.
¡Eu, meus amigos,
tamén sei facer pequenos ríos!

O Miño canle de luz e néboa (1996)

sábado, 5 de marzo de 2016

Anceio

Un sabe que non cabe no mar
o seu anceio.
                           Nin a terra
ou a bóveda celeste teñen
capacidade para contelo.
Foxe de súbito.
                           Vai a lonxe.
Procura on sei que: unha
fonda sede que non se pode
matar nunca xamais.
                                    Sempre
volta desiluso, canso
e moi tristoño.
                            E falamos
fantasticamente, é dicir:
con rigor e verdaade.
                                   Se acaso
un día non voltase iríao
procurar, amiga,
                                   na sombra
delicada do contra-soño teu.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

venres, 4 de marzo de 2016

A luz da lembranza

A lembranza do pai é unha pequena
margarida que se me esvae
na terra mol do sentimento:
o seu recendo éncheme de nostalxia
e perfuma o regato do meu sangue
cun aroma maino e indelébel.
En min están as súas palabras
garimosas, a súa presencia
presidindo o clan familiar,
gobernando a tribo e ordenando
o miúdo mundo dos xornaleiros
e criados. Un tempo meu inmóbil
feito luz tremelante na lembranza.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

xoves, 3 de marzo de 2016

Sucesos

Aconteceu unha desgracia irreparábel.
Vén no xornal de hoxe, cuarta páxina:
"Apareceu un pombo suicidado.
Aforcouse onte pola noite
na ponla florida dun cereixal.
Ignóranse os motivos, porque o morto
non tivo sequer a xentileza
de escribir unha carta desculpándose".
Recibíronse moitas mostras de pesar
e hoxe ao seu enterro asistirá,
vestida de loito rigoroso,
a Sociedade Protectora de Animais.

Documentos persoais (1958)

mércores, 2 de marzo de 2016

Caladiño?

O Miño

O Miño é vello e tristeiro:
sempre vai mudo e vai senlleiro.
No Inverno semella que murmura
un segredo con forte voz escura.
Un escoita, atento e esperanzado,
e o vello Miño sempre vai calado.

Terra Chá (1954)


martes, 1 de marzo de 2016

Arte poética para uso persoal


Seguramente eu son
-olla ti:
cecais si,
cecais non-
un poeta ecoico,
estoico,
paranoico.

Non foi o azar
quen me fixo andar,
cantar,
vivir,
o destino
mezquino
doente
do meu pobo impotente,
subdesenrolado,
emigrado,
calado.

A vida non se detén
con ninguén
e empurrou,
provocou
e levou
o meu canto tamén.
A Poesía non é:
unha fe
exclusiva de un:
é canto común,
voz do home e da terra
que salouca e que berra.

A Poesía é de todos,
para todos,
coas súas modas e modos
claridades,
verdades e lodos.

Por tanto
levanto
o meu canto
silvestre
e terrestre
contra a arte
renarte,
contra a vida,
podrida,
inmovilista,
narcicista
e fascista.


             Cantos rodados para alleados e colonizados (1976)