domingo, 15 de maio de 2016

O futuro será noso

Chamei, de xeito pesado e insistente, a cada
porta, batín en todos os corazóns,
petei en todas as conciencias,
andei os camiños que a vida e o azar
puxeron diante dos meus ollos,
berrei ata rebentar os pulmóns
e quebrar a miña voz como un cristal,
malgastei o herdo de paixón que recibín
dos nosos antigos máis amigos
e, ás veces, atopei unha compaña
amiga e solidaria, xentes xenerosas
máis atentas ao destino común
que aos seus pequenos egoísmos persoais.

Tamén tropecei con traidores, oportunistas
e moitos, moitos desertores.

Con todo, mereceu a pena tanto esforzo;
o futuro – non o dubidedes – será noso.

Déixovos o que teño: a miña escura voz
para que cando sexa somente
a sombra dunha sombra moi lonxana
alguén se lembre de min na miña tribo
do mesmo xeito que a folla dun carballo
lembra a brisa que agarimou algunha vez.

Versos do lume e do vagalume (1982)


sábado, 14 de maio de 2016

Canción da lucidez

Cómpre manter os ollos ben abertos
para distinguir o verdadeiro
do inauténtico,
do superficial e innecesario
que nos acena coas súas luces
mentireiras, coa súa falsa
beleza caduca e intranscendente.
Hai que atender tan só
ao que, de verdade, importa:
o don marabilloso do amor
e o apaixonado diálogo coa morte.

As lúcidas lúas do Outono (1988)

venres, 13 de maio de 2016

Defender o idioma... e a cultura

O poema de hoxe foi censurado no momento da publicación do libro, e saíu despois, na edición francesa, de 1972. Mágoa que na actualidade volvan os tempos nos que a maior preocupación dos gobernos sexa agochar toda manifestación contraria e disidente:

Canción para cantar todos os días

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe. 

Canciós do lusco ao fusco (1970)

xoves, 12 de maio de 2016

Terra Chá en Euskal herria

Terra Chá foi un dos grandes libros que nos deixou Manuel María, e como el mesmo dicía, foi medrando ao longo dos anos. Proba diso é este "soñetiño" a Xosé Estévez, Pepucho, que se incorporou nalgunha reedición posterior, posto que o propio homenaxeado di que coñeceu ao chairego no 1965:

Sonetiño ó carballo que o noso amigo Pepe Estévez, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Chá a Oiartzun de Gipuzkoa pra transplantalo nun eido da súa pertenza e da súa dona Maribel Goñi

Carballo de Carballido:
¡na Terra Chá tes nación
e levas no corazón
un puro amor transcendido!
¡Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!
Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
¡faite luz, símbolo e siño!
Ti non eres un calquera:
¡dille, en galego, ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!

Terra Chá (en Obras Completas, 2001)

mércores, 11 de maio de 2016

Materia corporal

Unha fonda escuridade silandeira
como acivro médrame no peito:
fatalidade inexplicábel e lúcida
que levo ergueita no máis alto:
tal unha bandeira de tristura
sinalando a inevitábel condición
de ser inconsistente cantería
pouco a pouco desfeita polo tempo.

A luz resucitada (1984)


martes, 10 de maio de 2016

Tempo de mar

Volto a soñar co mar...

Volto a soñar co mar outra vegada.
O mar é azul baixo un ceio
tamén azul como a esperanza.
O mar é un soño doce
que frolece nesta noite de maio
na que o milagre máis marabilloso
se pode cumprir doadamente.
As escumas son brancas, brancas,
maxicamente brancas.
E o rumor das ondas,
soñadas e lonxanas,
arrola docemente a miña alma.

Remol (1970)



luns, 9 de maio de 2016

Pastora de Hortas, filla de Consuelo "A Quiroguesa"

Ti estabas no teu lugar exacto:
eras a muller forte,
a soedade esencial,
a voz do clan,
a rexeitadora de agarimos,
a palabra anterga e xenerosa,
a conciencia dos séculos,
a continuadora da estirpe,
a casa en pé.
A túa enteireza de rexa
cantería indestructíbel
non deixaba tan sequer un oco,
para que puidera saír a luz
e derramarse, o precioso caudal
do inefábel mundo misterioso
que levabas en ti como un segredo.

As lúcidas lúas do Outono (1988)