venres, 13 de maio de 2016

Defender o idioma... e a cultura

O poema de hoxe foi censurado no momento da publicación do libro, e saíu despois, na edición francesa, de 1972. Mágoa que na actualidade volvan os tempos nos que a maior preocupación dos gobernos sexa agochar toda manifestación contraria e disidente:

Canción para cantar todos os días

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe. 

Canciós do lusco ao fusco (1970)

Ningún comentario:

Publicar un comentario