venres, 20 de xaneiro de 2017

Responso por unha Academia

Xace eiquí unha Academia.
De nena atacouna a anemia
e acometeulle a diglosia.
Sempre foi inmovilista
e, ¡cómo non!, bilingüista.
Viviu en pura ortodoxia
de costas ao seu país.
¡Sufriu arteroesclerosis
e morreu dun paralís...!

Cantos rodados para alleados e colonizados (1976)

luns, 16 de xaneiro de 2017

O frío

O grasneo feroz das avefrías
polas nabeiras de Senxildes,
cubertas de xeo branco e duro,
entraba no noso feble sangue
de meniños pasmados e indefensos
cun forte arreguizo estarrecente.
Tiñamos frío e medo. E o lume
triste, fumento e vacilante
da lareira era, para nós,
un máxico e perfecto paraíso.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

domingo, 15 de xaneiro de 2017

Arraigamento

Estamos chantados na vida sen saber,
ollando o que está á beira nosa
con cansados ollos rutinarios.
Non profundamos
na esencia das cousas e do mundo.
Ás veces desexamos ser penedo,
regueiro, vento ou nube
e camiñar sen rumo nin destino.
Mais non nos imos. Non. Permanecemos.

A luz resucitada (1984)

sábado, 14 de xaneiro de 2017

Simbiose natural

Eras unha forza natural, firme,
segura e desatada. O universo,
adaptábase a ti perfectamente.
Un microcosmos, doméstico
e pechado, entregábaseche.
Respostabas, dun xeito xusto,
á escura chamada da natureza.
A terra todopoderosa
mandaba en ti. E obedecíache.

As lúcidas lúas do Outono (1988)

venres, 13 de xaneiro de 2017

In memoriam

Semellábaste ao toxo, á carqueixa
e á carpaza. Áspera por fóra,
coa tenrura aberta cara adentro,
poderosa e agresiva como o ouro
rabioso e incendiado das chorimas.
¿Que estraño mundo vivía acochado
no teu fondo? ¿Qué íntimo segredo
gardaba a escuridade do teu ser?
Evoco e lembro especialmente
a túa persoal sorrisa irreversíbel
que se clarificaba co reflexo
da delicada luz que tiñas dentro.

As lúcidas lúas do Outono (1988)

venres, 6 de xaneiro de 2017

Os outros reises

Facíamos a matanza un par de veces:
unha polo Nadal, outra por Reises:
era un rito antiquísimo. As súas leises
cumpríanse tal cal, sen rixideces.

¡Que animais enormes e lustrosos!
¡Que gusto daba ollalos ben lucidos,
estouraban de grosos e mantidos:
non había porcos máis fermosos!

¡Qué desolada tristeza oír e ver
aos marraus ben cebados e chillós
inutilmente negándose a morrer!

¡Mais que alegría a festa dos roxós
e posuír un bon celeiro para ter
os lacós, os chourizos e os xamós...!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

domingo, 1 de xaneiro de 2017

Amigo para a eternidade

              III

Amigo Manuel María,
escoita ao vello Paderna:
¡o verso que non se sinte
é un carballo sen cerna!

               IV

Nós somos como árbores
que están sobor da terra.
¡Vén o vento da morte
e a todos nos dobrega!

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1980)