domingo, 8 de maio de 2016

As lindes da tribo

 As lindes da tribo son o exacto
e teñen nome propio: Robra,
Bonxe, Santa Mariña e Asteriz.
Cinco mundos cumpridos
e distintos. Cinco
posibilidades ben contadas.
Cinco pétalos dunha rosa
nunca ollada que, humildemente,
nace nunha terra moi concreta
e vai florecer ao infinito.

Ritual para unha tribo capital de concello (1997)

sábado, 7 de maio de 2016

Balada

é unha raioliña de luar na íntima
e familiar Praciña do Concello
batendo contra as casas de Montes
ensumíndose entre
as vellas cerdeiras e os negrillos

esa raioliña tecida con lembranzas
é a fada que sempre desexamos ollar
o noso degaro feito luz ben real
as palabras de amor que van no
noso peito
a chave
que se abre aos segredos máis escusados
e nos fai donos de todos os tesouros

celosos e avarendos nós gardamos
a raioliña de luar que nos é propia
xunto ao primeiro sol da Primavera
e as derradeiras follas do Outono.

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)


venres, 6 de maio de 2016

Amor, morte misterio...

O Sil está, en Sequeiros, encorado,
remansando cautamente o seu caudal
para ir inadvertido polo Val
como un vento sutil e delicado.

Nesta profundidade moura e abismal,
na que se olla o río ensimesmado,
óese un misterioso laio namorado:
voz dun amor urxente, puro e inmortal.

Son dous eternos amantes: aí están
no pasadizo que vai, baixo o río,
dende Torre Novais á outra ribeira.

Amor, morte, misterio: veñen e van
por un ignoto alén claro e sombrío
coa súa chama inmorrente e verdadeiro.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

xoves, 5 de maio de 2016

Ais e lendas de amantes

Torre Penela, Quirogas e Lamelas,
baixo o sol pasado doutros días,
encheron todo o Val de fidalguías,
cabalgadas, cazatas, rondas, velas.

Remataron, para sempre, retesías,
as donas remilgosas, as doncelas,
os requintados xogos, as arelas
ateigadas de ensoño e fantasías.

Pro queda esborrallada, anque de pé,
desafiando ventos, neves, vendavais,
unha torre que foi máis que non é.

E permanece o amor, os tristes ais,
símbolo de paixón e máis de fe,
da lenda dos amantes de As Novais.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

mércores, 4 de maio de 2016

Música dos astros e fala dos luceiros


Aló, no Hospital, o castro de Ar Maior;
o castro de Canivete ao nacente;
o de Lucenza altivo e ben lucente
e o castro de Ares morrendo no solpor.

¿Qué raigañas escuras, qué semente

foi tristura, soño, medo, gromo, flor,
chispa, fogueira, volcán abrasador,
fame de amor urxente e permanente?

Catro castros ergueitos. Catro castros

melancólicos, tristes, silandeiros,
impasíbeis e firmes como mastros.

Arredados estais que non senlleiros:

¡escoitades a música dos astros
e falades co vento e cos luceiros!

        Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

martes, 3 de maio de 2016

Espazos compartidos

Na compaña de Saleta eu descubrín
a música destes ríos, destas fontes,
as curvas femininas destes montes
e as lonxanías azuis case sen fin.

Con lentitude e sorpresa aprendín
a ler en nubes, néboas, horizontes
e recobrar o tempo, os propios ontes
que, mesmo sen sabelo, ían en min.

E non tiven, entón, ningunha duda.
Era a mesma paisaxe, igual historia:
¡paganismo do Sil, Crismón da Ermida...!

Foi unha revelación fonda e aguda:
¡un anaco de vida xa vivida
que eu levaba gardada na memoria!

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

luns, 2 de maio de 2016

Vello Sil

Vello Sil das canciós e as aureanas
que traedes os abriles e os outonos;
vas deixando no Val doces ensonos,
lembranzas de terras moi lonxanas.

Dime por qué non paras e te afanas
e finxes ventavais, raios e tronos,
xistras, furacás, fortes enconos
se son as túas canciós doces, humanas.

Meu Sil da humanidade e da tenrura:
murmurio, vento, néboa, levedade
fanse ave, chama, camiño e ventura.

Velaquí o teu segredo, a túa verdade:
¡ti, que naces no albor da auga máis pura,
vas morrer ao solpor da vaguidade...!

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)