xoves, 8 de decembro de 2016

Ave fénix

Endexamais din ao vento
as levísimas cinzas
das usadas lembranzas,
nin o remol das rosas
abrasadas de amor
ou a escura borralla
dos soños mal soñados.
Estremecidas cinzas
que gardo a cal e canto,
con tino e sentidiño,
no escusado celeiro
das cousas máis amadas.
E conservo esas cinzas
para poder sementalas
de ensoños e nostalxias,
pois todo o que existiu
terá resurrección
cara a unha luz moi clara.

A luz resucitada (1984)



mércores, 7 de decembro de 2016

Naufraxio selectivo

Nas leves tardes de Outono tan sereas,
ateigadas de silencio e de dozura,
eu vou sentindo, amor, a túa tenrura
igual que lume queimándome nas veas.

O son das aves, o vento e as sereas,
a voz solemne do mar, rouca e escura,
é a voz do amor coa súa fondura,
co seu incansábel ritmo de mareas.

Eu quero vivir o Outono na ribeira
para amistar coas gaivotas e embarcar
nunha dorna xentil, ben mariñeira.

O meu desexo máis fondo é naufragar,
ouh miña boa e sinxela compañeira!,
no teu mar de tenrura. Só no teu mar.

Poemas ao Outono, 1977



martes, 6 de decembro de 2016

Que ben sabes navegar!

Nesta ocasión reprodúcese aquí unha páxina do libro-CD Canta o cuco. Uxía e Magín Blanco na Casa de Manuel María, con ilustracións de Leandro Lamas. O poema que aparece na imaxe é Dorna, pertencente a As rúas do vento ceibe.

luns, 5 de decembro de 2016

O lar

Vivimos nun bloque enorme
ocupando o cuarto andar.
Neste edificio disforme
nós temos o noso lar.

Xanelas cuadriculadas
sen horizonte ou paisaxe.
No portal: elevadores
e no sótano o garaxe.

Dende as xanelas eu vexo,
con certo medo e receo,
antenas de televexo,
e as nubes que están no ceo.

Non temos porcos, nin vacas,
nin lareira, pozo e aira.
Non temos hórreo, nin horta,
nin cerdeira, nin mazaira.

Mais temos aspiradora,
xiradiscos, fregadeira,
televexo, batidora
e unha estupenda neveira.

Eu teño unha habitación
toda chea de brinquedos:
¡é cómo un reino fadado
onde gardo os meus segredos!

As rúas do vento ceibe (1979)

domingo, 4 de decembro de 2016

Desexo

Desexo agora, amada,
a docísima cunca dos teus beizos.
Desexo os bicos teus
coa sede de mil anos que me queima.
Desexo a túa sorrisa,
a túa palabra,
o latexar do teu pulso
e da túa ialma.

O meu desexo quédase en desexo.
Estou tristeiro
e sinto como se pecha á esperanza o corazón.
¡E co meu desexo medra a miña ausencia
na craridade fidel desta lembranza!

Poemas da ausencia (1958), BVG


sábado, 3 de decembro de 2016

Dolmen de Dombate

O Dolmen de Dombate
é unha cunca boaca abaixo
gardadora
dos versos de Pondal.

O Dolmen de Dombate
está feito
con pedras funerarias
erguidas cara á vida
como un home de pé
ou un carballo.

O Dolmen de Dombate,
tan á medida humana,
¡tan pequeniño!

O Dolmen de Dombate
é mao e colo tenro
para que nel se refuxie
o home cos seus medos
e os seus soños.

O Dolmen de Dombate
é o espacio xusto
para ollar pasar a vida
e agardar,
silandeiros e envisos,
a chegada da morte.

Versos do lume e do vagalume (1982)


venres, 2 de decembro de 2016

Tenrura

Pouco importa que a ave da esperanza
ou a chispa amarela do desexo
crucen por nós como un salouco
par converterse en néboa
ou sombra esvaída na lembranza.
O que de verdade importa,
amada e irrenunciábel compañeira,
é a chama delicada da tenrura
coa que alcendemos o lume
no que queimamos a monótona
tristeza dos días e onde arde,
serea e mansamente, a árbore
fidel e rumorosas da nosa propia vida.

A luz resucitada (1984)