domingo, 18 de outubro de 2015

A música da choiva

A auga é un salouco lene
que nos foxe das mans
deixándonos
unha lembranza
entre doída e melancólica.
Sinto a música da choiva,
petando contra o chan,
chorando
nos vidros das fiestras,
ensumíndose na terra
para rexurdir
sinxela e auroral
no misterio das fontes,
nos regueiros,
no río solemne e poderoso,
na pinga de orballo
que coroa de luz
a testa da rosa ruborosa.
A auga é case ar,
esencia inapreixábel,
caravel irreal,
claridade sen sombra.
E hai nubes
desnortadas e tolas
semellantes a pétalos
que soamente son auga
emigrada/exilidada.

Cecais hai unha luz (2010)

1 comentario:

  1. Marabillosos versos do benquerido Manuel. Parabéns polo blog; por ser unha mesa onde ir degustando, día a día, os seus sentidos poemas.

    ResponderEliminar