sábado, 14 de novembro de 2015

Ollar a propia terra

Iso é que facía Manuel María, unha e outra vez; os seus versos están ateigados de referencias ao espazo xeográfico galego, caso deste poema:

Canción do intre de ollar a propia terra

Ergo os ollos namais polo lecer
de mirar a nai terra tan fermosa.
¡Galiza para vivir, para morrer;
terra túa e máis miña, terra nosa!

Terra clara e escura, ingrata e nobre.
Terra pobre, sinxela e complicada.
Raíz da que vimos, teito que nos cobre;
nai indiferente, xorda, patria amada.

Estou sobre ti, ben sei, sen merecerte,
tripando o teu chao, o teu torrón.
A miña alma é pequena para quererte;
é pequeno, para amarte, o corazón.

Homes e terras fante a ti, Galiza;
ti es mar, terra, homes, ruín sorte.
¡Galiza na tristura e na lediza,
xogándote a ti mesma a vida ou morte!

Canciós do lusco ao fusco (1970)

Ningún comentario:

Publicar un comentario