luns, 5 de setembro de 2016

Horizontes

Eu vou pensando en ti polos camiños
que me din unhas cousas moi estrañas
para que se perdan logo no horizonte
ou nas ponlas verde-escuras dun carballo.

Melancolía de sentirte lonxe, lonxe
como unha badalada
que se esfuma, longa, na paisaxe.

Eu vou todos os días
polo ermo,
polos piñeiros,
polos xuncos espigados da ribeira,
polo meigo dunha estrela que escintila
nesas noites azuladas de setembro
bagoando na gaiola do teu peito
a canción inmarcesíbel da presencia.

Imaxínote na brétema
como un soño de imposíbeis
que me queda soterrado aló no peito.

Sempre sinto estas soidades
presentíndote a trasmao
cal milagre de tenrura amorosiño
que florece entre as espumas
que se perden nas rodeiras da nostalxia.

E no lonxe das olladas
ou no fondo tremelante do azul
escintilas fulgurante
co imprevisto cabotaxe dun cabelo
que se ensume nunha bágoa
ou no bico manseniño do orballo.

Muiñeiro de brétemas (1950)

Ningún comentario:

Publicar un comentario