martes, 7 de xuño de 2016

Soños fuxidíos

Os meus febles soños melancólicos
sempre me foxen para Bretaña.
E cando voltan
traen gusto a codeso,
saramago, xesta e hidromel.
Ás veces sangran
polas feridas que lles fan
as duras espiñas das silveiras.
En ocasiós demoran moito
contemplando dolmens,
estraños petroglifos,
cruceiros e calvarios populares
ou entretéñense querendo descifrar
a forte cadencia melodiosa
do idioma bretón que ten
música de vento e cantería.
De raro en raro os soños meus
quedan pendurados nas ponlas
das abidueiras e salgueiros
en figura de néboa esfarrapada
para ollar correr os ríos
e deixarse adormecer
ao seu murmurio de gaita familiar.
Teño que ir a Rennes novamente
e escoitar o mar en Saint Maló.

O camiño é unha nostalxia (1985)


luns, 6 de xuño de 2016

Telegrama a un Excelentísimo Señor

Eu quixera sorrirlle docemente
como sorrí a rosa cando nace.
Mais cecais Vosa Exccelencia,
que sempre anda co tempo tan tasado,
non pode dispoñer dun intre,
dun intre pequeniño para ollarme.
E non insisto máis, porque ben sei
que o seu tempo, Excelencia, vale cartos.

Documentos persoais (1958)


domingo, 5 de xuño de 2016

A luz do corazón

A única palabra verdadeira
que se escoita unha vez
en toda a vida:
                        aquela
que revelan os deuses
vaise adelgazando,
luíndose, perdendo a súa
imprecisa materia corporal,
facéndose lixeira,
translúcida,
in-mar-ce-sí-bel
até que se converte
en rosa, lúa, caravel
ou preciso salouco dun paxaro
que nos enche de luz o corazón.

Os lonxes do solpor (2012)

sábado, 4 de xuño de 2016

Doce tardiña

                  Serán

Agardade docemente a que chegue
a fondura queda da tardiña.
Acougade. Acougade un pouquiño
para que se vaia a brétema soíña
e as aves voen ao seu niño.
Entón as cousas atopan o seu sitio
e nace a soedade na campía...

Mar Maior (1963)


venres, 3 de xuño de 2016

Cervo

Cervo en liberdade, luz e aire:
ábreste docemente como
unha raiola de lúa enfeitizada
na terra carnal dos nosos soños
e fas sagrado o bosque rumoroso.

A arboreda xentil que te coroa,
grave e lene -tal a brétema-
é a única alborada que pode
facer agromar do corazón
unha música pura e misteriosa.

Cervo que baixas con urxencia
a nidia limpidez da auga fría
para cumprir o rito de beber
as cores o os misterios da mañá.

Cervo, camelia tremelante,
marabilloso Outono en plenitude:
convérteste en espello,
salouco lonxano e esvaído,
lene melancolía vagorosa
e fulgor que cega: como o lóstrego.

A luz resucitada (1984)

xoves, 2 de xuño de 2016

Canción para o Sil

Meu vello Sil cantareiro,
meu vello Sil cantador,
¡chegas feliz e riseiro,
marchas riseiro e cantor!

Meu vello Sil pelengrín,
viaxeiro e namorado:
¡pasas a ponte en Petín
e ollas o pazo de Arnado!

Meu vello Sil das canciós,
vagamundo e tarabelo:
¿lembras as vellas lexiós
na ponte de Sobradelo...?

Eu quero que me respondas,
vello Sil das aureanas:
¿aínda viven nas túas ondas
as doces ninfas paganas?

Meu vello Sil dos romanos,
detén o paso, non corras:
¿hai lugares máis humanos
que as terra de Val de Orras?

O Miño canle de luz e néboa (1996)

mércores, 1 de xuño de 2016

Luceiro de Lemos

Monte de San Vicente do Pino

¡Triloxía da pedra cara á altura:
a vella Torre, o Pazo e o Mosteiro!
San Viecente do Pino anda á procura
de subir e subir e ser luceiro.

A Torre é un mastro que vixía,
unha reliquia viva do pasado,
un inútil garda da campía
e un vello soldado licenciado.

O Pazo é o pasado que se vai
senlleiro, triste, indiferente,
que esbroa calado, sen un ¡ai!
e morre sen remedio, lentamente.

O Mosteiro, en loita coas idades,
é a lenda da coroa queimadora,
vella historia de condes e de abades
e lema dos bieitos: "Ora e labora".

Cancioneiro de Monforte de Lemos (1991)