luns, 7 de decembro de 2015

A paisaxe é fermosa...

A paisaxe é fermosa, fermosa; moi fermosa
anque algún profundador, sen dúbida
moi culto, lido, sabido e entendido,
teña dito que a paisaxe é somentes
un estado de alma máis ou menos.
A paisaxe é fermosa porque os ollos
poden atopar nela o seu lecer, porque
a alma se pode misturar coas cousas
e o canto dun regueiro, o vento que zoa
pódennos dicir mensaxes inefábeis,
revelaciós que non puidemos sospeitar.
A paisaxe é fermosa porque nós podemos
ir de vacaciós ao campo nun auto
-é un dicir- máis ou menos cómodo
por unha estrada case transitábel.


Pero se tivéramos que andar polos camiños
esnaquizando os pés contra os pelouros,
sementando centeo, millo e máis patacas;
se tivéramos que suar pola seitura,
andar virando o monte cun eixado,
mal mantidos con centeo e con touciño,
sulagados no atraso e na ignorancia,
suando de sol a sol o noso pan;
e se, cando xuntáramos un peso,
tivéramos que pagalo polo gando,
por porcos e galiñas, polos carros,
por contribuciós e pragas do campo,
por entrar nun feira, por saír,
por impostos directos e indirectos,
por ir ou por non ir, por subir e baixar...
Entón, nós, tan sensibelmente líricos,
procuraríamos fuxir a outro país
porque nos dará arrepío o sufrir
a escura, cruel realidade, agachada
baixo as formas belidas da paisaxe.

Remol (1970)

Ningún comentario:

Publicar un comentario