mércores, 12 de outubro de 2016

A nogueira totémica

Esta grande nogueira, tan frondosa,
que trouxo nosa nai de Vilanova,
foi doncela lanzal, rapaza nova,
árbore competente e ben fermosa.

A súa copa, xigante e rumorosa,
que cada primavera se renova,
serve aos paxaros de niñal e alcoba
e, aos ventos, de lira cadenciosa.

Ela era a enseña totémica do clan:
ademais de canciós, dábanos noces
e unha sombra fresquiña cada vran.

Sonlle fiel á nogueira: tal un can.
No fondo de min van as súas voces
¡e fálanme ao corazón como un irmán!

Sonetos á casa de Hortas (1997)

Ningún comentario:

Publicar un comentario