luns, 24 de agosto de 2015

O sorriso

O sorriso pon no rostro o lume
que nos queima desde dentro,
a vagarosa lembranza do tempo
que pasou, as brétemas
que foron, un día, escuridade.
O sorriso, é, pois, a flor da vida,
o sol do corazón que se pon
no grave serán da nosa face,
a palabra pura e inefábel
resolta en explosión de luz.
Cando me sento á pobre porta
dos meus íntimos soños
sempre lles pido un sorriso
e ilumino, con el, a miña noite.

Versos do lume e do vagalume (1982)

Ningún comentario:

Publicar un comentario