domingo, 6 de novembro de 2016

Romance da xacia de Vilar de Ortelle

Vilar de Ortelle é lugar
do concello de Pantón:
alí o Miño ten pozos
que causan admiración,
dos que se serven os xacios,
pequena e estraña nación
que no máis fondo da auga
fixeron habitación,
¡estaban sen bautizar
e non tiñan relixión!

Nunha ocasión un veciño
que foi ao río a pescar
ollou xacia ben fermosa
que se estaba a peitear
e pediulle casamento
sen podelo remediar.
A xacia dixo que si,
mais para poder casar
había un impedimento
ao estar sen cristianar.
Con auga de río o galán
bautizouna sen tardar:
volveuse a xacia unha moza
que era cousa de pasmar.
Casaron. Tiveron fillos
que daba gloria mirar,
pero das augas do río
non os podían tornar.
O pai enfadouse un día,
díxolles: ¡Fillos de xacia,
ben vos podedes marchar!
A xacia que tal oía
sentiu moi grande pesar,
pillou camiño do río
e decidiu non voltar.
Ao vela, o xefe dos xacios
fíxoa, no intre, matar
e logo seguidamente
mandouna descuartizar.
Aínda hai en Vilar de Ortelle,
se alguén as quere mirar,
as ruínas da morada
á que a xacia foi casar.

Cantigas e cantos de Pantón (1994)


Ningún comentario:

Publicar un comentario