xoves, 14 de xullo de 2016

A cidade

A cidade ten castelo
e muralla medieval,
o museo ¡hai que velo!
e unha rúa principal.

¡Qué conxunto tan fermoso
con igrexas e xardís
e cun río caudaloso
veireado de xasmís...!

A cidade ten cafeses,
wiskia-clubs e polución,
cementerio con cipreses
e un fermoso Malecón.

A cidade ten escolas
e ten cines e teatros.
¡Ten duascentas parvacholas
e trescentos maragatos!

A cidade ten paseos,
barrios vellos, arrabais,
chavolismo, rañaceos
e gardas municipais.

A cidade nunca tivo
nin industria ou desenrolo
¡Soio un comercio cativo
e o seu consabido tolo...!

As rúas do vento ceibe (1979)

mércores, 13 de xullo de 2016

A Vaca

A señora Vaca
traballa na casa,
mantén a súa cría,
dá leite prá casa.

A señora Vaca
non dá descansado,
tira polo carro
e arrastra o arado.

A señora Vaca
-ten a cor teixa-
sofre en silencio
pro non se queixa.

A señora Vaca
vai do monte ao prado
e do prado ao curro
con ar resignado.

A señora Vaca
é humilde e mansa:
non sei que misterio
na súa ollada cansa!

Non sei que misterio
nos seus ollos quedos
que semellan feitos
de noites e medos!

Os soños na gaiola (1972)


martes, 12 de xullo de 2016

O norte

O meu pai era un home bo, paciente,
sinxelo, tolerante, preocupado
cos lerios do concello, co ganado
ou cunha viaxe súpeta e urxente.

Era o xefe do clan. O confidente.
O ser máis xeneroso, o confiado.
O amigo de respecto, o respectado.
Aquel no que fiaba toda a xente.

A vida foi, para el, un campo aberto
que sementou de luz e de alegría,
recolleitando amor, garimo certo.

Agora lembro ao pai na lonxanía...
E sinto a súa presencia tan de perto
que me sirve de exemplo, norte e guía.

Sonetos á casa de Hortas (1997)


luns, 11 de xullo de 2016

Terra Chá: monte e leiras

Monte raso

O monte raso tan só quer:
lavercas, carpazas, veredas
e unha fontiña pra ver
as nubes andando ou quedas.


Leiras

¡Qué xuntas están as leiras
nas agras a parolar!
¡Tan soio queres ós homes
que as veñen a sementar!

Terra Chá (1954)

domingo, 10 de xullo de 2016

A voz na carballeira

A vella, fermosa carballeira,
pon en nós un inquedo
tremor respectuoso:
cada carballo é un ser vivo
que canta, sofre e ama.
A súa sombra é un enigma
no que non podemos penetrar
doadamente. E a súa voz,
rouca e cambiante, ten
un tremor escuro de salmodia.
¿Qué mensaxe nos quere transmitir
o seu canto humano e vexetal?

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)


sábado, 9 de xullo de 2016

As Veigas

Hoxe de novo hai xuntanza na carballeira da Santa Isabel, o lugar de referencia para o Manuel e a súa tribo

O Campo da Santa Isabel – que tamén
se chama As Veigas- é a fachenda
da tribo, o lugar sacro, venerado,
arquivo de melancolías e lembranzas,
o templo -auga, ceo, árbores-
da esencia dos días máis logrados,
o fundamento certo da ledicia,
a razón e o argumento da nostalxia.
A única mágoa, ferindo tanta luz,
é a anterga ermida esborrallada.
O Miño é lento, o ceo azul-grisento,
a fraga enorme, mesta e rumorosa.
Nada hai no mundo tan perfecto,
estamos rozando case o intemporal:
alí onde son, xente e paisaxe,
un cósmico latexo indivisíbel.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

venres, 8 de xullo de 2016

O pasado do futuro

[...] Non temos escolas en galego,
nin xornais en galego,
nin radios en galego,
nin televisión en galego,
nin case libros en galego.
Os nosos deberes non están
escritos en galego.
Estamos fartos de escoitar
sermós que falan da caridade
e amor almibarado
nunha lingua que non é,
precisamente, a nosa lingua.

Aldraxe contra a xistra (1973)