Amosando publicacións coa etiqueta Cancioneiro do Orcellón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cancioneiro do Orcellón. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de xuño de 2016

Canción dos tratantes de Maside

Os tratantes de Maside
dende xaneiro a xaneiro:
¡andaban todas as feiras,

corrían o mundo enteiro!
Os tratantes de Maside,
os tratantes masidaos:
¡usaban blusa e sombreiro
ao xeito dos castelaos...!
Os tratantes de Maside
gañábanlle aos maragatos:
¡eran xente de boas falas
e moi legales nos tratos!
Cancioneiro do Orcellón (1984)

domingo, 12 de xuño de 2016

Canción da Eira das Flores

Eira de Flores, xentil,
labradora e feireante,
engado puro e sutil
entre quedo e camiñante.

Tes o hórreo e o cruceiro,
unha rúa toda en costa,
moita xente no estranxeiro
e preguntas sen resposta.

Eira de Flores, amiga
da Fonte Municipal,
como relembras a espiga
de louro trigo candeal!

Eira de Flores, ti sabes
dos afás dos arrieiros,
do desamparo das aves
e do brillar dos luceiros.

Ti es xa o tempo ido,
a lembranza máis acesa.
Corazón estremecido!
Saudade carballinesa!

Cancioneiro do Orcellón (1984)


sábado, 11 de xuño de 2016

Canción do templo da Veracruz

Na vila de Carballiño,
un bosque de pedra e luz,
nube, silencio, camiño:
o templo da Veracruz!

Voltouse a pedra oración,
arte dos tempos vindeiros:
aquí quedou a canción
dos martelos dos canteiros!

As vellas arquitecturas
fixéronse arte moderno.
Que liñas firmes e puras!
Que sensación do eterno!

Que soño endexamais visto
sen tempos e sen espacios:
a fe de don Evaristo
e os delirios de Palacios!

Cancioneiro do Orcellón (1984)