Amosando publicacións coa etiqueta Remol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Remol. Amosar todas as publicacións

luns, 31 de xaneiro de 2022

Lembranzas

 Era fermosa... Si, era moi fermosa
a Noiteboa cando o pai vivía
e, despois de rezar un longo rosario,
ceaba en paz toda a familia.
Era fermosa a ilusión con que os nenos
agardábamos a vinda dos Reis Magos.
Era fermosa a primavera e os niños
de ouriol eran fermosos. O campo
da Santa Isabel, dende abril ao outono,
era fermoso. E o día da festa era
a data máis feliz de todo o ano.
Era fermosa a Carballeira, o son
das campanas nas mañás, o río
e o centeo, en maio, a flolear.
Todo o pobo era fermosísimo.
Era boa e fermosa aquela vida.
Pero ti, ai doce amiga miña,
¡non estabas aínda perto de min!

Remol (1970)

domingo, 2 de febreiro de 2020

Mensaxe aos emigrantes galegos


                                    Para Anisia e Xosé Neira Vilas, na Habana

Teño necesidade de escribirvos. Quero
que escoitedes os meus versos humildes
nacidos do amor e a carraxe, homes
e mulleres galegas, que estades lonxe
da patria, arredados do país natal;
que levades na alma, como un facho,
un cachón de luz co que alumades
a vosa dignidade, e unha brétema
escura feita de saudade e morriña.
Vós dixestes que non á pobreza,
á inxustiza. Co corazón esnaquizado
colléstedes o carniño de América
-o mar azul como a esperanza,
arrepiante o mesmo que a carraxepara
deixar o voso esforzo maduro
de vellos europeos, nesas terras
inmensas e inquedas, que arelan
forxar o seu destino humanamente.
Vós tripades os vieiros de Europa
-desandando o Camiño de Santiagoe
o voso sacrificio calado, o voso
labourar, fixo florecer economías,
soportes do espírito e da cultura.
Vós dixestes non aínda sen dicilo.
Estades a loitar como valentes; o voso
corpo está canso e magoado; tedes
unha saudade acesa, moura, queimando,
rillando, torturando a vosa alma.
Tedes unha patria, aló nun curruncho
da Iberia, rodeada de mares; habitada
de vello por lobos, cucos e raposos;
batida polas neves, choivas e xeadas,
ateigada de tebra. Os amos néganlle
a súa dignidade, o pan e máis o sal,
incluso o dereito de falarlle a Deus,
de queixarse a Deus na propia fala.

Remol (1970)

sábado, 1 de febreiro de 2020

Laio dun emigrante


                                                                Para Santos Blanco en Bos Aires

O meu corazón non está aquí: está nunha terra
tan lonxana que case se me esquece. Lembro
acotío o meu país, a terra do meu espírito,
a patria do meu desacougo o do meu amor,
a nación da miña coita,
o berce de canto foi para min soño e arela.
Teño necesidade de lembrar para non morrer.
Aquí todo me é alleo: palabras,
xestos que non son para min,
paisaxes que non foron feítas para os meus olios,
camiños polos que non me atrevo a camiñar.
Na miña patria todo era ledo:
eran ledos os homes,
a confianza con que o veciño pausaba a súa mao
sabor dos teus ombreiros,
o murmurio dos regatos,
o traballo de cada día;
a esperanza forte que, como un carballo, estaba
enraizada no escuro torrón do noso peito;
incluso eran ledas as canciós
en escura tristura sempre acesas.
Aínda que había causas que non eran, por certo,
nada ledas: a soldada insuficiente;
a loita escura, xorda, contra a inseguridade,
contra a pobreza.
Vale máis cavilar para non sufrir,
e non pudrir o sangue.
Hai que tirar como se poida;
vivir -sempre vivir- é o que de verdade importa.
Ao fin de contas un non é de aquí nin de alí:
un é un emigrante,
unha fantasma;
unha cousa que, como unha mercancía,
anda a a rolar por aí adiante.

Remol (1970)


xoves, 24 de novembro de 2016

Portugal

Cheguei a Portugal co corazón na mao
na amante compaña de Saleta.
Percurei a Camões e a Camilo
e só atopei o mar diante de min.

¡Atopei o mar! E sempre o mar
escoitando aos piñeiros rumorosos.
O mar da epopea e dos naufraxios
eternamente deitado rente de ti.

¡Qué lonxe Angola e Mozambique!
Macao, case irreal, carne de soño.
E ti, meu Portugal, na beiramar,
dándolle as costas a sedenta Iberia.

En ti atopei os soños meus.
Recoñecín en ti o meu espírito.
Todo estaba tan perto ao corazón
que todo o corazón o adiviñara.

Comprendo, Portugal, a túa fachenda,
o teu sino arrepiante e grandioso.
O coitelo que levas chantado no espírito
fai escoar a tristura feita fado.

Non quero falar con Don Henrique,
nin de feitos gloriosos, memorábeis.
¡Só quero dicir que a túa saudade
é o reino que anceia a miña alma!

Remol (1970)


mércores, 14 de setembro de 2016

Corazón

Verba vella e gastada:
corazón.
Estercoleiro da cursilería,
lírica flor de escaparate,
alma dun sentimentalismo
pasado de moda,
sensibleiro
e tenro como almibre.
¡Corazón, corazón!
¿Qué verba nova e pura
poderá sustituirte?

Remol (1970)



domingo, 28 de agosto de 2016

Memoria do mundo

Todo o que se viviu...

Todo o que se viviu vai ben gardado
na lembranza. Nada se perde aínda
que se esqueza. Todo vai en nós
pesando e doendo eternamente. Nada
do que hai no mundo nos pode ser
alleo: dende as altas estrelas
deica as follas humildes que vai
matando o outono sen piedade.
Se algo nace no mundo nace tamén
na nosa alma. Cando agroma unha folla
temos máis riqueza. Cando morre
un verme, aínda sen sabelo, entendemos
que estamos máis pobriños. ¿Non
vos decatades dos golpes de alegría
e de tristura que en nós van e vén
supetamente, sen que saibamos explicar
a súa razón de ser, o seu por qué...?

Remol (1970)

martes, 10 de maio de 2016

Tempo de mar

Volto a soñar co mar...

Volto a soñar co mar outra vegada.
O mar é azul baixo un ceio
tamén azul como a esperanza.
O mar é un soño doce
que frolece nesta noite de maio
na que o milagre máis marabilloso
se pode cumprir doadamente.
As escumas son brancas, brancas,
maxicamente brancas.
E o rumor das ondas,
soñadas e lonxanas,
arrola docemente a miña alma.

Remol (1970)



venres, 29 de abril de 2016

Mensaxe a Manuel Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez, home
de pelo en peito,
corazón de Galiza,
ánima de pena,
voz da Terra
a despertar as conciencias
durmidas dos humildes:
aquí tes a miña mao
apretando a túa mao.
[..] Aquí tés a miña mao labrega,
dura como un seixo, escura
como a terra que labra con amor
día tras día,
xeración tras xeración.
Contigo falo,
Manuel Curros Enríquez,
que andiveche
orfo pola vida,
perseguido, aldraxado,
calumniado.
Contigo falo,
que tiveche que emigrar
por alcender un lume
purísimo de estrelas,
por petar no corazón dos homes
que non tiñan esperanza,
por tocar as tentadoras
campás da Liberdade.
Para ti o Progreso era a verdade.
E a túa voz era potente
como un trono, tiña
a forza natural do furacán.
¡Ouh loitador incansábel,
lume e sal da nosa Terra,
facho solidario
que nos mostrache
o único camiño verdadeiro!



Antes de ti Galiza era
escuridade sulagada na choiva.
Galiza tebregosa
era un ermo
cuberto de miseria,
de fame,
de teas de araña
e de silveira.
E ti,
Manuel Curros Enríquez,
abriche un suco
a forza de alma
e nel sementache
liberdade.
Pero veu o corisco
e as xeadas;
medraron herbas ruís,
apareceron corvos
por bandadas,
nubeiros de ratos,
pragas de escaravellos
e apedraron, roeron,
comeron a semente.
....................................
Configo falo,
Manuel Curros Enríquez.
[...] ¿Quén deixou enfriar
o lume das súas verbas?

Remol (1970)





xoves, 28 de abril de 2016

Verbas para Celso Emilio Ferreiro (IIª parte)

[...] Pero temos aquí a túa palabra
ardendo en corazón,
traballada na forxa da verdade,
petada deica a dor co vello
martelo de ferreiro do teu nome,
recollida entre o pobo que traballa
e que sofre en silencio,
luídan nos turreiros e peiraos,
nas vendimas, esfollas e seituras,
santificada na intimidade do fogar
polo calor amantes das lareiras.
A túa palabra enche
de acesa claridade a nosa alma:
o espírito de Galiza que pervive
entre a brétema escura que nos cobre.

Ti, Celso Emilio, viñeche para dicirnos
que os soños e os paxaros son irmaos,
viñeche para traer
un facho de esperanza que nos guíe,
para dicir que non
aos que fan da inxustiza unha bandeira;
para erguer un fogar, pedra a pedra,
con paredes de amor e lealdade.
Escoita, amigo meu, pastor
de marabillas,
sabedor da música que canta
na nosa agachada intimidade,
dono da máxica liberdade do reiseñor,
non teño máis que darche:
só estas palabras pobres,
núas,
coa luz do corazón iluminadas.

Remol (1970)

mércores, 27 de abril de 2016

Verbas para Celso Emilio Ferreiro (Iª parte)

Celso Emilio Ferreiro, compañeiro,
irmao na poesía e en Galiza,
mestre que vas deixando
un ronsel de luz detrás de ti,
un suco de amor para sementar auroras.
Por ti sabemos dos soños máis sinxelos,
das arelas máis amadas,
dos anceios derrubados brutalmente,
dos traballos de cada día:
pequenos, eternos, precisos
para gañar o pan e o viño,
a roupa que usamos,
o teito que nos cobre,
a esperanza e a desesperanza que,
como un verme, nos rilla o corazón.

Anque Mora e Saleta nos sorrían,
anque estean agardándote Isabel,
Xosé María, Lois e máis Xavier,
e che teñan preparada unha sorpresa
que pode ser un disco con poemas
ou coas canciós formidábeis de Raimon,
ti segues, enviso e caviloso,
doéndoche a ferida que Galiza
puxo, para sempre, no teu peito.
E é que ti – e é que nós – sentimos
que aínda sigue o noso soño sulagado
nunha longa noite de pedra inacabábel
mentres teñamos milleiros de emigrantes
en todos os currunchos do planeta
e os nosos mariñeiros e labregos,
sigan, á espreita, ollando ao ceo
porque tan soio teñen
liberdade de chorar canto lles praza [...].

Remol (1970)


martes, 22 de marzo de 2016

O autor fala de si

Son terra. Eu estou feito de terra
e máis de amor. O meu corazón é
un penedo ao que só pode fender
a dinamita. O meu corpo está feito
de vales, de outeiros e de corgas.
O meu sangue é un regueiro, un río,
un océano que canta e se enfurece.
A miña alma é un vento levián.
A miña voz é un chío case imperceptíbel
como o rumor dun regueiro entre
xuncais. ¿Qué queredes de min
políticos, cretos, mandamais,
enxeñeiros, mestres, policías?
¿Qué queredes de min? Eu non
entendo a vosa alma complicada
feita co rombar de aviós,
dos autos, dos trolebuses
e os tranvías. A vosa voz é fría,
feita con cemento e aceiro,
corta como un coitelo, ten o ton
que lle dan os altavoces, o timbre
do voso proveito e nada máis.
Tampouco vós me entendedes.
Non queredes entender o meu idioma
usado por labregos, mariñeiros,
artesás e poetas. É inútil falar.
Non é posíbel. Non xurdirá
o diálogo. Eu son pobre: estou
feito de terra e máis de soño [...]
Eu son terra tan só. Terra galega
con producción, mensura e lindes
apuntados, ben claros, no catastro.
Os únicos que saben de min son
os de Facenda. Os outros, nada.

Remol (1970)

martes, 19 de xaneiro de 2016

Lonxanas e puras

Carta ás estrelas

Dende este mundo vello e canso
contémplovos, altas estrelas;
flores máxicas, abertas
no gran prado da noite;
soños perdidos no espacio,
irmaos dos soños meus,
dos meus anceios.
Escríbovos en verso coa esperanza
de que chegue a vós a miña voz:
un chío a penas perceptíbel [...]

Illas marabilllosas e lonxanas,
ciscadas no inmenso mar
da noite: na voz do vento
escribo as miñas verbas
para que elas leven,
ao voso silencio de séculos,
a vosa intimidade de mundos puros
o meu latexo, humano e namorado
da vosa maxestade no azul inmenso [...].

Altas, lonxanas estrelas luminosas;
rosas de luz na noite escura
que alumades o meu pobre corazón;
patrias dos anceios, dos fondos
e impresionantes silencios siderais;
¡defendede a vosa independencia,
o voso privilexio
de mundos imposíbeis e lonxanos!

Remol (1970)

sábado, 9 de xaneiro de 2016

Carta ao río Miño

Manuel María adicoulle esta composición ao seu amigo Lois Diéguez:

Escríboche dende a soedade do outono
para que a miña coita sexa menos
e sexa menor esta tristura.

Síntome desamparado polas cousas
que acotío me arrodean.
Todos e todos estamos desamparados;
todos estamos sos, esa é a verdade.
O teu murmurio, ouh río, é o laio
da túa soedade desamparada:
a queixa que ti dis
ao mundo que está á beira túa.
Estou lonxe de ti.
Non teño, amigo, a túa compaña.
Ti levache ao mar
os meus lonxanos días da nenez;
levache a miña paixón de mozo,
tan inútil.

[...] Por eso che escribo, vello amigo.
Quero que saibas que penso en ti,
que levo nos ouvidos a túa música,
que o teu silencio vai enchendo
con vago rumor a miña alma.
Cando de neno te ollaba vir da Terra Chá
e te vía ir camiñando cara a Lugo
poñía os meus ollos nas túas ondas
cavilando que ti
cecais nos ías levar ao infinito.
Agora quixera estar outra vez á beira túa
para poñer novamente nas túas ondas
esta soedade
que o outono me pon a min no corazón.

Remol (1970)

luns, 21 de decembro de 2015

Acuso á clase media

O poeta da chaira denunciaba o comportamento dunha boa parte da sociedade do seu tempo, en composicións tan directas como "Acuso á clase media", que se cita a continuación. Na páxina da Fundación Manuel María de Estudos Galegos podédela oír na súa propia voz.

Acuso á clase media —grandes e pequenos burgueses—
porque eles foron e son os que traizoan
o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia.
Pertenzo ao pobo e falo no seu nome.
Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos,
dos ferreiros, dos criados de servir,
dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros;
dos humildes carpinteiros de ribeira,
dos alugados que ian a Castela;
dos caseiros que non teñen terra de seu;
dos que se ven obrigados a emigrar;
dos pobres de espírito e dos pobres de pedir;
do coitado xornaleiro que de sol a sol
ainda anda virando a terra co arado romano.
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non llela dan.
Acuso á clase media de egoísmo,
de non ser solidaria co seu pobo,
de brutalidade e de ignorancia,
de lle bicar os pés aos poderosos,
de traficar coa fame e coa miseria,
de vivir na súa terra despreciándoa,
intentando borrar o seu ser idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Acuso á clase media de servil,
de axionallarse diante dos que mandan,
traicionando aos seus, á xente súa,
ao pobo indefenso e aldraxado.
Acuso á clase media de imitar
as modas que impoñen en Madrid
e de pechar cobardemente os ollos
ás realidades que teñen diante si.
Clase media, grandes e pequenos burgueses,
comerciantes enriquecidos co estraperlo,
viñateiros, aceiteiros, contratistas,
abogados sen lei e sen conciencia,
propietarios de casas e de contas correntes,
burócratas que adulades ao amo
e que esquecedes ao pobo do que vides;
xentes que comerciades coa emigración,
coa fame, coa inxustiza e coa miseria;
ladróns que procurades títulos nobiliarios,
asasinos que mercades indulxencias e autos
derradeiro modelo que vos leven ao ceo,
¡no nome do pobo, eu vos acuso!

Remol (1970)


luns, 7 de decembro de 2015

A paisaxe é fermosa...

A paisaxe é fermosa, fermosa; moi fermosa
anque algún profundador, sen dúbida
moi culto, lido, sabido e entendido,
teña dito que a paisaxe é somentes
un estado de alma máis ou menos.
A paisaxe é fermosa porque os ollos
poden atopar nela o seu lecer, porque
a alma se pode misturar coas cousas
e o canto dun regueiro, o vento que zoa
pódennos dicir mensaxes inefábeis,
revelaciós que non puidemos sospeitar.
A paisaxe é fermosa porque nós podemos
ir de vacaciós ao campo nun auto
-é un dicir- máis ou menos cómodo
por unha estrada case transitábel.


Pero se tivéramos que andar polos camiños
esnaquizando os pés contra os pelouros,
sementando centeo, millo e máis patacas;
se tivéramos que suar pola seitura,
andar virando o monte cun eixado,
mal mantidos con centeo e con touciño,
sulagados no atraso e na ignorancia,
suando de sol a sol o noso pan;
e se, cando xuntáramos un peso,
tivéramos que pagalo polo gando,
por porcos e galiñas, polos carros,
por contribuciós e pragas do campo,
por entrar nun feira, por saír,
por impostos directos e indirectos,
por ir ou por non ir, por subir e baixar...
Entón, nós, tan sensibelmente líricos,
procuraríamos fuxir a outro país
porque nos dará arrepío o sufrir
a escura, cruel realidade, agachada
baixo as formas belidas da paisaxe.

Remol (1970)

martes, 1 de decembro de 2015

Conta e balance

Eu, que andiven ledo, atento e namorado
os camiños do soño e do ensoño,
ando agora coas azas caídas, derrubadas;
vencido e derrotado polos foxos da vida.
Fan falla moitos millós de esperanza
para manter en alza tanta fe, tanta arela
fiel e inmaculada como a que ardía
no noso indomábel corazón de vinte anos.
Algo -ben se sabe o que- está en quebra.
¡Fai falla abrir un crédito!
¡Fai falla facer saldos de esperanza!

Remol (1970)



mércores, 25 de novembro de 2015

Aínda rodeadas dun mundo inxusto

No seu extenso "Poema á muller galega", o autor chairego comeza lembrando a inxustiza que as rodea, e aínda que se centraba na súa situación con respecto á emigración nese momento, hoxe seguen estando vixentes os seus versos. 
A violencia cara ás mulleres maniféstase a diario, ademais de noutros moitos ámbitos da vida cotiá, na discriminación da que son vítimas no mundo laboral.

É criminal, no tempo que corremos,
comparar a muller e máis a flor
cando as mulleres de Galiza
teñen que emigrar
para Francia, Suíza e Alemaña
como antes emigraban
para Cuba, Arxentina e Venezuela.
As mulleres galegas non teñen
luceiros en vez de ollos
senón unha tristura arrepiante
de ollar un mundo inxusto
que está ao seu redor [...]

Remol (1970)

domingo, 1 de novembro de 2015

Están connosco

Están comigo

Están comigo neste intre silandeiro
os mortos da miña caste, da miña terra
cumprindo en min o seu futuro.
E sinto latexar con forza inmensa
os seus soños e medos.
As verbas
que pronuncian os meus beizos
son as mesmas que un día
dixeron os seus beizos cara a luz.
Os mortos da miña caste van comigo.
E eu irei con eles cara o futuro
que non teño aínda merecido.

Remol (1970)

xoves, 29 de outubro de 2015

Mensaxe aos/ás cantautor@s de hoxe

Voz do pobo, nacida na fonte
leda e cantareira do teu sangue,
que se fai luz no corazón
e no ar faise amor que chega a todos,
amor comunicado, compartido,
claridade que ilumina a nosa vida,
que pón en nós a esperanza
despois de tanta noite,
de tanta tebra mesta,
de tanto deserto
e tanto medo.
Voz propia, coñecida e amada,
con recendo e quentura de lar,
traballada pola dor e a carraxe,
aberta cara a verdade e a esperanza [...]
Queda en nós a túa voz
cravada no corazón como un coitelo,
no fondo da intimidade sementada
feita xa sangue noso,
clara e cantareira como un río,
eterna e rumososa como o mar.
Voz do pobo. Voz túa e miña.
Voz de ninguén e voz de todos.

Remol (1970)

mércores, 21 de outubro de 2015

Luz de esperanza

Galiza é unha muller.
Galiza, néboa imprecisa,
río ao que nunca se lle ve o fondo,
dor que nos manca,
casa de cantería tan velliña,
ten nome feminino,
un nome moi fermoso de muller.
Galiza, nosa nai,
nosa dona,
nosa irmá,
nosa amiga.
Galiza noso desacougo
e nosa vida.
Todas as mulleres son Galiza:
voz que nos chama e nos arrola,
luz que nos aluma,
amor que nos alcende;
tenrura que anceiamos
e nos cómpre.
¡Esperanza ergueita
cara un futuro limpo,
noso,
que agardamos!

Remol (1970)