Amosando publicacións coa etiqueta A Quenlla. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Quenlla. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de maio de 2016

Os Irmandiños

Onte A Quenlla pasou por Lugo, deixando un ronsel de versos de Manuel María, coma estes, que están incluídos no seu disco homónimo, pertencentes á obriña teatral "... unha vez foi o trebón", do poeta chairego:

Foi no século quince, a primaveira
floreceu con paixón e con ledicia
ergueran libertá coma bandeira
os rexos irmandiños de Galicia.

O bris voltouse, entón, máis cantadore
enchéronse os ventos de pureza
o sol alumou con máis fulgor,
a terra tivo incluso outra beleza.

A espranza prendera en toda a xente
con vontade de presente e de porvir
e a vida era un pulo trascendente
con desmedidas tarefas por cumplir.

Foron xeiras tristeiras e belidas
foron datas feroces e fermosas
foron sazós granadas e cumpridas
con colleitas de bágoas e de rosas.

O mundo semellaba puro e novo
renacía a luz polos rincós
o bo pobo galego, o noso pobo,
obedecía a Roi Xordo e a Lanzós.

Foi tempo de ledicias e de coitas
foi tempo de abrir novos camiños
foi tempo de revoltas e de loitas,
do furor popular dos irmandiños.

Os Irmandiños, A Quenlla


martes, 26 de abril de 2016

Abril de lume e ferro

Así titulou Manuel María unha obriña súa de teatro, na que facía referencia ao alzamento militar do coronel Solís en Lugo e a posterior represión que deu lugar ao episodio dos Mártires de Carral. Neste enlace podedes fragmentos da representación desa peza, en decembro de 2015, en Lugo, co acompañamento musical de A Quenlla.
Non foi a única ocasión que o autor chairego rescatou a memoria histórica deses acontecementos:

Os mártires de 1846

Foi polo mes de Abril,
no século dezanove.
¡Un berro forte, baril
a toda a patria conmove!

Solís en Lugo berrou
un berro de rebeldía.
¡Galiza enteira acordou!
¡O pobo enteiro se erguía!

Pois a patria desta feita
cumpriría as súas angueiras.
¡Pro logo veu a desfeita!
¡Perdeuse todo en Cacheiras!

Solís e os seus oficiais
foron no intre xulgados.
¡Aqueles homes leais
remataron fusilados...!

En Carral está a cova
dos Herois da Liberdade
¡sempre fecunda e nova
que un día será verdade...!

As rúas do vento ceibe (1979)

sábado, 19 de marzo de 2016

Mestres da Memoria

Hoxe tivo lugar a gala da AELG na que se lles entregou o premio de Mestres da Memoria a Mini e Mero, dous grandes da música e da cultura galega. A relación que mantiveron con Manuel María foi estreita, e moitos versos do escritor chairego foron logo musicados por eles, tanto dende Fuxan os Ventos, como dende A Quenlla. Aquí fica este exemplo como recoñecemento á súa laboura:

Labrego

Toda a miña xente
de labregos foi,
xunguidos á terra
con xugo de boi.

Meu pai é labrego,
tamén meus avós:
¡pasáronse a vida
tripando terrós...!

Meu pai é labrego,
labrego naceu,
¡e labra nos eidos
traballando a treu!

Meu pai é labrego,
labrego naceu.
¡Meu pai é labrego,
sen terra de seu!

Meu pai é labrego,
labreguiño eu son.
¡Pasarei a vida
xunguido ao terrón!

Os soños na gaiola (1972)