Amosando publicacións coa etiqueta Poemas da labarada estremecida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poemas da labarada estremecida. Amosar todas as publicacións

sábado, 6 de abril de 2019

A neve florida da cerdeira


A ti che pido, amor, flor e semente
para levedar, con ela, o noso afán:
quero que sexas viño, sal e pan,
lareira garimosa e forno quente.
Pídoche, meu amor, soños que fan
unha gran labarada transcendente.
Logo queda un remol esmorecente:
¡mais a súa brasa vóltase volcán!
Eu quero ser somentes, compañeira,
unha verdade silandeira e núa
como a neve florida da cerdeira.
Déixame, pois, vivir desta maneira:
¡estando eu tan unido á vida túa
como se unen as rosas coa roseira!

Poemas da labarada estremecida (1981)

domingo, 29 de xaneiro de 2017

A paixón acesa

Velaquí no que teimo, no que cismo
en darme como son: baril, enteiro,
algo salvaxe, rexo e verdadeiro
deica lindes de morte e paroxismo.

Eu non quero ver, non, o propio abismo,
o meu ser tebregoso e silandeiro,
nin camiñar somentes un vieiro
que comeza e remata sempre o mismo.

Instálome no amor, ábrome á vida
como se acende para a luz o caravel
en viva labarada estremecida.

Tomade esta fogueira, esta ferida:
unha arraigada paixón sempre fidel.
¡E esta fonda experiencia compartida!


Poemas da labarada estremecida (1981)

sábado, 31 de decembro de 2016

De labarada a brasa

Non somos xa aquela fogueira poderosa
que ardía en nós
con labaradas xigantescas
nos días da nosa xuventude
cando tíñamos por noso
o canto dos paxaros,
a voz amiga de ríos e regueiros
e a compaña
das vagamundas nubes viaxeiras.
Quedan moi lonxe e moi perto
Outeiro de Rei e a Pastoriza,
a nosa Terra Chá,
as paisaxes luguesas, tan amadas,
agora melancolíEnvelleca señardosa,
música nostálxica
que se queima docemente naquel lume
novo e xeneroso que nós fomos,
de chama nidia e fermosísima
como a mapoula, o caravel a rosa.
Ao longo de moitos anos,
no medio da tristura máis vulgar,
mantemos vizosa e recendente
a purísima flor do noso amor
que agora é
unha brasa que non se consome
e non se consumirá endexamais.
Envelleceremos xuntos
e, cando chegue a hora de partir,
o noso amor non morrerá:
hase transformar en brisa lixeira
que en maio canta emocionada
na escura folla das abelairas
ou no sol ourilucente do Outono
que bica ás carballeiras docemente.

Poemas da labarada estremecida (1981)


domingo, 16 de outubro de 2016

Foron tempos

Foron moi fermosos e felices
aqueles días lugueses,
soio nosos, nos que ollamos
os grises máis variados,
ricos, solprendentes, humanos
que ninguén poida maxinar.
Os nosos ollos deprenderon
lentamente a contemplarse,
coñecéronse as nosas maos
e as nosas peles mornas,
exploramos os nosos rincós
máis íntimos e escuros,
os soños máis secretos.
E os nosos corpos foron,
dende entón e para sempre,
unha única chama
ardendo apaixonada,
marabillosa, pura e cotidiana.

Poemas da labarada estremecida (1981)

luns, 21 de marzo de 2016

De terra e cerdeiras

Nós cumprimos dun xeito fatal,
cego, inexorábel e instintivo
o escuro destino
que a vida puxo en nós.
E agromamos ao amor
como agroman as árbores
ao empuxe total da primavera:
polos nosos corpos corría
un sangue vermello e caudaloso
coa mesma forza con que
rebenta a saiba nova
recendento a terra,
a seme, a semente,
a xesta, a uz e a codeso,
a auga cristalina e cantadora,
a nube ceibe e viaxeira.
E a nosa paixón era
- e sigue sendo- un berro
incontíbel como o amarelo,
salvaxe, aceso e agresivo
das chorimas de ouro,
como a expresión tímida
e silandeira das camelias
ou como a pureza cegadora
das flores nevadas das cerdeiras.

Poemas da labarada estremecida (1981)


sábado, 20 de febreiro de 2016

Paisaxe lucense

O cerco vello e máxico da cidade,
o río solemne e silandeiro,
a paisaxe de grises,
de azules e de verdes
era grande e pequeno
para conternos.
O aire estaba cheo
do recendo dos nosos bicos,
acesos e fermosos como rosas.
As follas das árbores vibraban
coa tenrura que íamos derramando
dun xeito sinxelo e inconsciente.
Carballo, uces, centeeiras
ollaron como nos amamos
e participaron
tamén no noso amor.
Todos os recunchos da cidade:
os cafés, o Parque, a muralla,
o Monte de San Cibrao
e o Pozo Mouro
fixéronse nosos cómplices
e axudáronnos a afirmar,
consolidar, madurecer
e facer transparente o noso amor.

Poemas da labarada estremecida (1981)


luns, 15 de febreiro de 2016

Mencer de solpores

O noso amor é mencer, tamén solpor,
escuridade da noite e luz do día,
luceiro escintilante que nos guía
a un universo senlleiro e tentador.

Non é soidade o amor, melancolía,
brillante, sobrehumano resplandor:
¡é berro fondo, calado, aterrador
que, urxentemente, esixe compañía!

O verdadeiro amor sempre é mencer,
claridade que nace porque si
na imprecisión total do noso ser.

Non teño outro desexo, máis querer,
que vivir, miña amiga, perto de ti
e, ao teu lado, soñar e envellecer.

Poemas da labarada estremecida (1981)

domingo, 27 de decembro de 2015

Comigo levo o teu recendo

Nós fomos, amiga, envellecendo
dun xeito sonxelo e natural
case sen decatarnos
e sen sentir o tempo
roendo rabioso a nosa carne.
Usamos toda a nosa vida,
a flor da nosa idade
e as outras flores nosas,
en coidar, luír, arrequecer
o noso amor e facelo ferida
fonda, nidia, transparente,
costume irrenunciábel,
coñecemento total, sabedoría
absoluta de nós mesmos
deica chegar á imposibilidade
de poder distinguir onde
comezas ti e eu remato.
Comigo levo o teu recendo,
o morno calor da carne túa,
a música da túa voz,
os teus silencios inquedantes
e a luz da túa sorrisa
iluminando mainamente
este noso Outono
de soños abondosos e cumpridos.

Poemas da labarada estremecida (1981)

sábado, 17 de outubro de 2015

Encontro

O único amor espiritual
é o da carne.
Por eso sempre nós
nos amamos co corpo,
co desexo ardendo:
tal a brasa potente,
inextinguíbel da cerna
dun carballo centenario.
O desexo, incendiándose,
agallopaba por nós
furiosamente
como un poldro da grea.
Un corpo solitario
non ten senso:
é un pulo baleiro
para ninguén,
un berro desesperado
sen resposta.

Poemas da labarada estremecida (1981)

martes, 25 de agosto de 2015

O oficio de amar

Se o sorriso é quen de iluminar as noites do poeta, que non fará o sentimento amoroso...

Andando lentamente á choiva, ao ar
gastando a vida pouco a pouco:
¡rebéntanos nos beizos un salouco,
no peito sepultamos un cantar!

O noso oficio é só amar, amar, amar,
facer do noso amor ledo relouco,
orballo solermiño e vento louco,
paixón incontrolábel como o mar.

A vida sen amor non ten sentido:
é un ermo baleiro, unha tristura,
un arrepío noxento e corrompido.

De feridas de amor eu vou ferido
pois somentes o amor dura e perdura:
¡nada poden contra el odio e olvido!

Poemas da labarada estremecida, 1981.


venres, 17 de xullo de 2015

O amor

O home que amaba... e sempre facía versos de amor.

Fuche ti quem me deprendeu
que o amor é un esforzo
que se fai intre a intre,
día a día,
ano a ano,
vida a vida.
O amor é manter acesa
a chama inesplicable
que nos deslumbrou,
cuidar a roseira
que naceu sen saber
como
na terra do noso sentimento.
O amor é conservar
inmarcesible
a única rosa
que non se repite
endexamais.

Poemas da labarada estremecida (1981).