Amosando publicacións coa etiqueta Fuxan os Ventos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fuxan os Ventos. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de xuño de 2016

Testemuño histórico

Moitos poemas do autor de Terra Chá foron musicados, como xa se dixo nalgunha outra ocasión; aquí queda este, no que denunciaba a especulación coas terras de distintas comarcas galegas e o xeito forzado en que se asentaban determinadas empresas rexeitadas pola vontade popular, grazas ao apoio do goberno (da ditadura e da posterior transición). A esta peza púxolle música Fuxan os ventos. 
Para terdes máis información sobre o caso das Encrobas, podedes ver o documental de Xosé Bocixa, nado en Cerceda, titulado "As encrobas. A ceo aberto".


Cantiga das Encrobas

Primeiro Portomarín,
logo Castrelo do Miño.
¡Dispois tocoulle As Encrobas
sufrir parello destiño!
Raposos capitalistas
que non deixan un torrón,
sementan todo de lixo,
porcallada e polución.
Nas nosas terras labregas,
fértiles e feiticeiras,
queren erger celulosas
que cheiran como esterqueiras
Queren encher a Galicia
de industrias contaminantes
e que o noso povo siga
a producir emigrantes.
As terras son dos labregos
dende tempo inmemorial
mais agora, sin razón,
rouballas o capital.
Cando o povo pide o seu
con valente e baril
mándanlle, pra contentalo,
cabaleiros de servir.
Hai pouco foi nas Encrobas,
ás portas de Xove están,
Si a algún lugar non chegaron
axiña apareceran.

Disco “ O tequeletéquele” de Fuxan os Ventos, 1977

sábado, 19 de marzo de 2016

Mestres da Memoria

Hoxe tivo lugar a gala da AELG na que se lles entregou o premio de Mestres da Memoria a Mini e Mero, dous grandes da música e da cultura galega. A relación que mantiveron con Manuel María foi estreita, e moitos versos do escritor chairego foron logo musicados por eles, tanto dende Fuxan os Ventos, como dende A Quenlla. Aquí fica este exemplo como recoñecemento á súa laboura:

Labrego

Toda a miña xente
de labregos foi,
xunguidos á terra
con xugo de boi.

Meu pai é labrego,
tamén meus avós:
¡pasáronse a vida
tripando terrós...!

Meu pai é labrego,
labrego naceu,
¡e labra nos eidos
traballando a treu!

Meu pai é labrego,
labrego naceu.
¡Meu pai é labrego,
sen terra de seu!

Meu pai é labrego,
labreguiño eu son.
¡Pasarei a vida
xunguido ao terrón!

Os soños na gaiola (1972)


domingo, 6 de setembro de 2015

Agora que os gandeiros están nas rúas defendendo o seu, non está de máis lembrar algunha das moitas composicións poéticas de Manuel María en relación cos labregos e a súa forma de vida. Aínda que quizais o máis coñecido sexa o poema "Labrego" incluído en Os soños na gaiola (feito popular por Fuxan os Ventos), aquí quedan os primeiros versos doutro publicado posteriormente:

O labrego

Un labrego tan só é unha cousa
que case non repousa.

Da sementeira a seitura
pasando pola cava,
a súa vida é moi dura
e moi escrava.

Sempre trafegando,
arando,
sachando,
mallando,
gadañando,
percurando o gando.

Sempre a ollara parao ceo
con medo e con receo.

Sempre a sementar ilusión,
poñendo na semente o corazón,
para colleitar pobreza
e máis tristura [...]

Versos para cantar en feiras e romaxes (1969)

domingo, 5 de xullo de 2015

O primeiro, un clásico

Moitos galegos e galegas medramos oíndo aos nosos facer seus estes versos:

Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Por suposto, é "O carro", magnificamente musicado en máis dunha ocasión. Aquí remítovos á versión clásica, de Fuxan os ventos.