Amosando publicacións coa etiqueta Compendio de orballos e incertezas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Compendio de orballos e incertezas. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de agosto de 2023

Beleza e plenitude

 

Deixade que o voso corazón se abra
á beleza deste noso mundo
tan carnal, amigo e amoroso:
á luz clara e máxica dos días,
ao engado das noites,
á musica de toda a creación
e aos silencios pechados nos que
cada un de nós pode estar oíndo
o inquedante latexar de si mesmo
en harmonía con canto existe e estivo,
algunha vez, no ser das cousas.
Amade sempre á terra nosa nai
e cada vez seredes máis humanos
e cecais poderemos comprender
que só o amor nos leva ao éxtase:
único xeito de unión
coa plenitude total do universo.

        Compendio de orballos e incertezas (1991)


domingo, 10 de abril de 2022

Xuntoiro celeste

Nubes que van e que vén.
Nubes que veñen e van.
O voso secreto afán:
¿que fondo misterio ten?

Nubes altas, fachendosas
ou nubes a ras do chao
que podo apañar coa mao
como flores das camposas.

Nubes grandes e pequenas,
nubes belidas e feas
¡en xuntoiros e asembleas
contando gozos e penas!

Nas nubes quero habitar.
Nas nubes quero vivir:
¡non teño medo a ir e vir
e non me asusta aterrar!

      Compendio de orballos e incertezas (1991)

xoves, 29 de decembro de 2016

Baladiña do asubío máis delgado

Asubío delgado como o aire,
raiola de lúa enfeitizada coa
luz mellor da primavera,
rumor de aza sutil de
bolboreta, saeta invisíbel
que fire e escacha o azul
como un cristal, música
elemental enchendo ao mundo
coa súa sinxela maxia
mesmo á beira do prodixio,
milagreira voz do merlo,
do tordo e do malvís.
Asubío xentil: palabra miña
cando o asombro a posúe
e quero expresar o inefábel.

Compendio de orballos e incertezas (1991)

luns, 21 de novembro de 2016

Camiños

Feitos de terra e pasadas,
camiños, vellos camiños.
¡Cantas arelas gastadas!
¡Cantos ignotos destiños!

Camiños, camiños vellos...
Camiños anchos, estreitos.
¡Arquivos, cinza, espellos!
¡Memorias de moitos feitos!

¡Camiños ledos e amados!
¡Camiños que van e vén!
¡Tristes camiños calados
non tripados por ninguén!

Camiños fondos que eu sei.
Camiños meus, tan cordiais
¡que ides de Outeiro de Rei
a morrer ao nunca máis...!

Compendio de orballos e incertezas (1991)


venres, 18 de novembro de 2016

A cerva e a estrela

              IX

Cerva que vas á fontela
percurar a auga fría
onde agroma a luz do día
e se reflexa unha estrela.

Estrela e cervo, recendo
a bosque na primaveira.
Única cousa certeira:
¡aquelo que imos perdendo!

Miña cerva namorada:
¡considera a túa ferida
pola que che fuxe a vida
de maneira apresurada!

Pois o monteiro maior
que anda nunha cantiga:
¡ten unha lanza inimiga
que non entende de amor!

Compendio de orballos e incertezas (1991)

mércores, 2 de novembro de 2016

Rondó da esperanza presentida

Pecháronse xa todas as portas,
quedou baleira a casa e logo
comezará a esborrallarse.
Morreu de frío o grilo
que vivía e cantaba na lareira
e o mínimo vagalume xa non
alumna a escuridae do xardín.
Este vello corpo, tan cansado,
non ten estancias para habitar.
Chegou o tempo fatal
de durmir fora.
Mais teño a esperanza ilusionada
de que o meu pobre corazón
dialogará na tebra coas estrelas.

Compedio de orballos e incertezas (1991)


mércores, 26 de outubro de 2016

Proverbio da memoria

Esta memoria miña, arquivo de soños,
soedades, tristezas e lembranzas,
espello dos recordos que rescatan
o recendo perdido dos días idos,
pozo mouro no que deixo pudrir
as feridas que os homes e a vida
me fixeron, testemuña fiel de
canto pasou por derriba de min
-tal as brutais rodas dun camión-
e me esmagou, amarga deslembranza
de frivolidades, envexas, matatempos
que os meus ollos ollaron sen luxarrse,
códice de bágoas, miniado coas raras
camelias da alegría, páxina en branco
na que cecais, un día,
chegue a poder escribir a miña morte.

Compendio de orballos e incertezas (1991)

martes, 6 de setembro de 2016

A noite quebra saudades

Entre o solpor e o mencer
a noite saudades quebra.
Ollo no día unha tebra
e unha luz no anoitecer.

A noite racha saudades
azuis, vermellas e malva,
mentres as cores da alba
florecen en claridades.

Non hai corazón que escoite
a voz da alba, tan triste,
pro, pese a todo, resiste
á escuridade da noite...

A noite toda negrura,
contradición da alborada:
¡é a colleita lograda
que fai nacer a luz pura!

Compendio de orballos e incertezas (1991)

xoves, 1 de setembro de 2016

A forza das esferas

Reconciliáevos coa terra,
coa pura espiritualidade
da materia que sinte, ama
e odia: só ela fai os altos,
fondos sentimentos humanos.
Comprendede e amade.
Dádevos, sen cortesías, á
forza que move o mundo,
á música acordada e visíbel
das esferas:
                     conduciravos
do mesmo xeito que o río
vai da mar ata o misterio:
único camiño que
vos pode levar a eternidade.

Compendio de orballos e incertezas (1991)


martes, 16 de agosto de 2016

Canción de luz

Hai que volver á auga, purificala,
facela de novo humilde, casta
e transparente, librándoa de lixos
e torneiras para que corra por nós
dicíndonos a súa canción de luz
e soño, a súa mensaxe de gracia
e de frescura, dándonos a súa voz
escura e fonda da terra xenerosa.
Cómpre voltar á orixe novamente,
ás fontes limpas e correntes
e ás fértiles matrices que aluman
as escuras claridades que o mundo
ten nas súas entrañas misteriosas.

Compendio de orballos e incertezas (1991)

sábado, 16 de xullo de 2016

Salgada sementeira

Sinxelas xerfas mariñas
brancas como os azahares:
¡levade as palabras miñas
pola longura dos mares!

Sementade todo o mar
co meu dicir natural
que ten brillos de luar,
zunidos de carballal.

A terra está tan gastada
que non pode coas canseiras.
¡Cómpre arar a mar salgada
e sementar só roseiras...!

Reclamo luz e inocencia
para unha verba ferida
pola vellez, a impotencia
e este absurdo da vida.

Compendio de orballos e incertezas (1991)

xoves, 25 de febreiro de 2016

Vizosa parella

A choiva cae silenciosa
sobor da terra calada
que, ao sentirse mollada,
se lle entrega garimosa.

A terra e a choiva son
unha parella exemplar,
pois ambas fan agromar
a flor e froito en sazón.

A terra pídelle á choiva
fertilidade e mornura
¡E a choiva, toda tenrura,
ponlle o seu veo de noiva!

Compendio de orballos e incertezas (1991)

mércores, 10 de febreiro de 2016

Proverbio do misterio da noite

Do misteiro da noite veño envolto
en panos de escuridade e de silencio
que conforman o enigma do propio
non saber pequeno e inocente: a el
me ateño para facer preguntas
que poñen un angustioso nó na miña
gorza e enchen de arrepío
o meu peito medoso e latexante
tal un paxaron nas maos dun rapaciño.

Compendio de orballos en incertezas (1991)

domingo, 24 de xaneiro de 2016

Rondó do eterno retorno

Eu sei que son unha árbore:
cecais un carballo
ou un castiñeiro poderoso
ou aínda unha abidueira
que o vento cimbrea e non
arrinca.
Escoito a voz
da terra que, amorosa e
urxente, me reclama.
Déitome no chao como un
penedo: deixo que o humus
me ensuma no seu seo.
Pro sei que agromarei
en folla verde e tenra
aló na Primavera.
E agardo ilusionado que
o Outono me murche para ser
terra de novo, unha vez máis.

Compendio de orballos e incertezas (1991)


mércores, 6 de xaneiro de 2016

A propia escuridade

Baladiña da propia escuridade

Tan afeito estou a esta escuridade
que os meus cansados ollos
xa non olla esa raioliña,
fírgoa de luz, só murmurio, agonía
case do resplandor máis neno
que agroma como unha violeta
no fondo escusado de min mesmo.
Tan pobre estou que unha brétema
pechada, densa e tebregosa
xa me semella sol resplandecente
que me deslumbra, cega e aniquila.

Compendio de orballos e incertezas (1991)

venres, 18 de decembro de 2015

... seguimos soñando

Sempre ando soñando arreo
-non mo tomedes a mal-
cun invento, no que creo,
¡no meu país ideal...!

Este país do que eu falo
sen mentiras nin ladrós:
¡sabe que o odio é moi malo
e que os amores son bos!

E, nesta patria baril,
da que son o señor dono,
hai amenceres de abril
e atardeceres de outono.

Que o meu país é unha illa
sen mágoas e sen tristeza.
¡O reino da marabilla
no que goberna a beleza...!

Compendio de orballos e incertezas (1991)


xoves, 3 de decembro de 2015

Baladiña da bágoa indescifrábel

Unicamente a traverso dunha bágoa
o mundo queda lonxe: silencioso.
Nós somos bágoas tépedas.
E só a mágoa cabe nunha bágoa,
afiada espiña que nos fire
e purifica, escuridade irrisada
e luída poloa luz, xeneroso recendo
con sabor a sal nostálxico
e amargo, liberación dos pesadelos
tebrosos que nos levan a incertos
e desolados camiños de arrepío,
ingrávida pinga de aire licuado
feita de lume, dor e soño.
¡Ouh bágoa: pura esencia dun
delicadísimo latexo indescifrábel!

Compendio de orballos e incertezas (1991)

luns, 16 de novembro de 2015

Provisionalidade?

Rondó da provisionalidade

Todo é provisorio, fatalmente, camiña
cara o seu destino derradeiro:
é ave de paso, onda que corre,
vento que vai e nunca volta.
Todo pasa nun intre. Nada perdura.
A humana vida por longa que semelle
sempre é moi curta,
curta,
curta.
Só persisten os homes. Nunca o home.

Compendio de orballos e incertezas (1991)

sábado, 24 de outubro de 2015

Lume e arxila somos

Rondó do lume e máis da arxila

De lume e arxila feito estou,
irmao de cántaros e cuncas
que, no seu corazón, gardan
a esencia e flor dos viños
nobres, o seu recendo eterno,
delicado e fráxil: ambrosía
ou néctar que somentes a alta
perfección dun deus pode catar.
Por eso cando este meu corpo,
vencido polo tempo, se desfaga:
sei que, da noxenta podredume
que eu son, agromará a penas
un recendo, un nada e todo
que só será percibido enteiramente
pola terra natal: a que ollou,
pasmada, un día, como
aparecía, na vida, este ser feble.

Compendio de orballos e incertezas (1991)




xoves, 8 de outubro de 2015

Camiño do non ser

Rondó da canseira

Esta canseira que me esmaga o corpo
e cae como unha lousa sobre min
aniquilándome vontade e pensamento,
pechando os ollos meus a ese cachón
de luz que fai do mundo enteiro
unha amorosa paixón alucinada
e a razón máis poderosa para vivir:
¿non será un anuncio inaprazábel,
unha premonición certa e escura
advertíndome que todo é transitorio
e unicamente o non ser é a verdade?

Compendio de orballos e incertezas (1991)